Solapas principales

200 persoas xa se inscribiron no III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, presentado esta mañá

Martes, 08 de febrero de 2022

A terceira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá o concello dende Ponte Maceira ata o Real Aeroclub de Santiago, terá lugar o próximo domingo 20 de febreiro. Organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, a proba foi presentada esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Unhas 200 persoas xa se inscribiron nun evento que volve tras un ano de parón por mor da pandemia. Para participar, cómpre inscribirse en carreirasgalegas.com ou en emesports.es, ata o 16 de febreiro ás 23:59 horas. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

Ponte Maceira vivirá o domingo 20 de febreiro o arranque da terceira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá ao longo duns quince quilómetros a xeografía e o patrimonio natural amesán tras un ano de ausencia por mor da situación epidemiolóxica. A proba, que se enmarca baixo a especialidade atlética do “trail-running” e que estará baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, rematará nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago.

Así o explicou a concelleira de Deportes, Susana Señorís, que na presentación do evento, celebrada esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, adiantou os bos datos de participación que rexistran polo momento. “Andamos sobre as 200 inscricións, en especial de moita xente que xa está anotada no trail”, sinalou a concelleira, nun acto ao que tamén acudiron Iván Sanmartín, delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago e director técnico do trail-andaina, e Álex Beiras, do Real Aeroclub de Santiago.

O percorrido desta proba, duns catorce ou quince quilómetros dependendo de si se participa na modalidade de andaina ou de trail, pode realizalo calquera veciño ou veciña, independentemente de se está ou non federado ou de se quere competir. “Non é un trail duro nin técnico”, indicou Iván Sanmartín, da Federación Galega de Atletismo, que destacou a riqueza cultural da ruta. “O tramo é moi fermoso e pasa por lugares que doutro xeito serían máis difíciles de coñecer. Un dos nosos obxectivos é tamén dar a coñecer o patrimonio cultural de Ames e do Tambre, ese precioso río que cruza este concello e que conta cunhas sendas espectaculares”.

Pola súa banda, Álex Beiras, do Real Aeroclub de Santiago, agradeceu a participación do seu clube, no que ao inicio da xornada se recollerán os dorsais e no que rematará a ruta e se entregarán os premios. “Grazas por contar connosco. Somos un club de socios pero iso non significa que esteamos pechados. Estamos encantados de que a xente teña a oportunidade de coñecer as nosas instalacións e de que volvan se así o desexan”.

Horarios, distancias e dorsais
Ponte Maceira será o punto de saída, tanto para o trail como para a andaina. Ás 10:00 horas sairán os participantes no trail, que percorrerán unha distancia de 15,2 quilómetros. A meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia de Piñeiro. Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina. Neste caso, a meta é a mesma e a distancia un pouco menor, duns 14,2 quilómetros.

Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub até o punto de saída en Ponte Maceira, a partir das 8:30 horas. Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e de 11 euros para os participantes no trail, e poderán recollerse a partir das 8:30 horas nas instalacións do Real Aeroclub. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.

Categorías e premios
A proba do trail, baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, contará con cinco categorías de idade. Pola súa banda, a andaina non conta con categorías, e poderán participar nela rapaces e rapazas a partir dos 10 anos.

Ademais, a partir das 12:30 horas realizarase a entrega de premios no Real Aeroclub de Santiago, con galardóns para as tres primeiras clasificadas de cada categoría, aos tres primeiros empadroados en Ames, ás tres primeiras socias do Real Aeroclub de Santiago e aos 3 primeiros clubs da clasificación do trail. Os tres primeiros equipos recibirán un trofeo, e os cinco primeiros unha dotación en metálico.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Máis de 200 inscritos no Trail e Andaina Ribeiras do Tambre nun só día"

Enfoques.gal: "Regresa el III Trail y Andaina Ribeiras do Tambre, que ya cuenta con 200 inscritos"

Imaxe da presentación do III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Multimedia

  • Imaxe da presentación do III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Cartel do III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre