Solapas principales

20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023

Jueves, 15 de octubre de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, leva desde 2023 ofrecendo o programa de residencias artísticas para que os creadores, creadoras e compañías profesionais desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas. A través desta iniciativa trátase de apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial. En 2023 realizouse a primeira solicitude e desde ese ano ata a actualidade atendéronse un total de 20 solicitudes. Durante este ano 2026, tres compañías xa fixeron uso deste programa: Ibuprofeno Teatro, Marta Alonso Tejada e Producións Teatrais Excéntricas. Ademais, Teatro do Noroeste ensaiará o seu novo espectáculo Vento Mareiro non dá voltas do 23 ao 28 de novembro.

Esta mañá o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, acompañado da técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez, visitou ao equipo da compañía Producións Teatrais Excéntricas, que están ensaiando O arte da guerra, que é o novo espectáculo cómico de Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira). Deste xeito, participan no programa de residencias artísticas do Concello de Ames. Primeiro estiveron usando o local de Biduído do 7 de setembro ao 2 de outubro, e na actualidade do 5 ao 22 de outubro están ensaiando no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou a importancia das residencias artísticas como unha ferramenta fundamental para apoiar a creación cultural e favorecer o desenvolvemento de novos proxectos escénicos. “Desde o Concello de Ames queremos que as compañías e os profesionais da cultura atopen aquí un espazo no que poidan traballar, investigar e desenvolver as súas propostas artísticas. Apostar pola cultura tamén significa apoiar a quen crea, facilitar o seu traballo e contribuír a que os seus proxectos cheguen ao público”, sinalou.

Blas García explicou tamén que este programa permite establecer unha relación máis próxima entre os procesos de creación e a cidadanía. “As residencias artísticas non só benefician as compañías que participan nelas, senón que tamén enriquecen a programación cultural do municipio e permiten que a veciñanza se achegue ao traballo que hai detrás de cada espectáculo. Somos un refuxio cultural comprometido co talento e coas artes escénicas galegas”, engadiu.

Por outra banda, Evaristo Calvo e Josito Porto, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, destacaron a importancia de iniciativas coma esta. Evaristo Calvo dixo “para nós que existan Concellos como o de Ames que ofrezan residencias artísticas é vital, é osíxeno para as compañías, porque un dos problemas que temos é que normalmente non dispoñemos de lugares axeitados para facer ensaios. Para nós, que somos unha compañía de Santiago facelo aquí é moi cómodo e é un pracer, somos asiduos do público do concello”.

Josito Porto recalcou que “eu dende que cheguei a Ames unha das cousas que máis me chamou á atención foi ese apoio que fan á cultura, e iso é algo impagable e para nós tremendamente necesario”.

Fomento das actividades culturais
O Concello de Ames pon a disposición dos/as creadores e compañías de teatro as instalacións municipais do auditorio do Milladoiro, extensible no caso de coincidencia de dúas solicitudes aos locais de Agrón e Biduído. O obxectivo é prestarlles este espazo para que poidan desenvolver as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas. Deste xeito, o Concello apoia e contribúe a que o tecido profesional e empresarial siga crecendo e fomenta as actividades culturais do concello.

A finalidade última deste proxecto é apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial, facilitando espazos e equipamento para o ensaio e produción de proxectos escénicos. A cambio, as compañías fan distintas actividades de mediación, desde estreas, ensaios abertos, encontros do elenco coa veciñanza explicando o proceso de creación, obradoiros relacionados co espectáculo no que participa o alumnado dos institutos, obradoiros de fomento de público, etc.

Compañías en residencia
Durante este ano 2026 foron varias as compañías que participaron neste programa. A compañía Ibuprofeno Teatro dispuxo de espazo para ensaiar a súa obra Bio Construción, do 23 ao 28 de febreiro. Unha vez rematada a residencia, estrearon esta obra no Milladoiro. Por outra banda, Marta Alonso Tejada realizou o proceso de creación do seu espectáculo de danza contemporánea Abúrrome, entre os días 14 e 30 de setembro.

Na actualidade, Producións Teatrais Excéntricas están a desenvolver do 5 ao 22 de outubro nas instalacións do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os ensaios da comedia teatral O arte da guerra, da compañía Mofa e Beta. Previamente estiveron usando o local de Biduído do 7 de setembro ao 2 de outubro.

Proximamente, do 23 ao 28 de novembro, Teatro Noroeste ensaiará o seu novo espectáculo Vento mareiro non dá voltas. Ademais, xa hai máis solicitudes cursadas, como é o caso de Amorodio Teatro, que en marzo de 2027 vai traballar no seu proxecto Que será da festa?

20 compañías desde 2023
En 2023 realizouse a primeira solicitude e desde ese ano ata a actualidade atendéronse un total de 20 solicitudes. Neste programa participaron compañía como o Grupo Chévere, Teatro do Noroeste, Marta Alonso Tejada, Fran Sieira, Producións Teatrais Excéntricas, Morraoconto, etc.

20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023

Multimedia

  • 20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023
  • 20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023
  • 20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023
  • 20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023
  • 20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023
  • 20 compañías realizan residencias artísticas en Ames desde 2023