Solapas principales

19 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde

Martes, 22 de septiembre de 2026

Os Concellos de Ames e Brión están desenvolvendo a oitava edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participan 19 alumnos/as traballadores/as (14 de Ames e 5 de Brión). Nesta edición impártense 9 meses de formación durante os cales 9 alumnos/as obterán o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas; e outros 10 disporán do certificado de profesionalidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Ademais, impartirase formación complementaria e de carácter transversal. Esta previsto que dito obradoiro de emprego se imparta ata o 15 de marzo de 2027.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, acompañou aos alcaldes de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago, na visita que lle fixeron ao alumnado do obradoiro dual de emprego Renova Verde. En dita visita tamén participaron a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; o seu homólogo do Concello de Brión, José Antonio Vidal; e concelleiros/as do Partido Popular de Ames; Oliva Agra, Pablo Beiroa e María Mercedes Martínez. 

Primeiro participaron nunha demostración do alumnado e profesorado sobre enerxía fotovoltaica e xardinería. De seguido, fixeron unha visita polas instalacións do Centro de formación de Aldea Nova, onde o alumnado de dito obradoiro está desenvolvendo a súa formación teórica e práctica. Durante a mañá tamén se lles foron entregados os diplomas do curso de prevención de riscos laborais.

Este obradoiro está financiado a través dunha subvención de 454.552,00 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. O obradoiro dual emprego Renova Verde ten unha duración de 9 meses e formará a 19 alumnos/as traballadores/as (14 do concello de Ames e 5 do concello de Brión). Ademais, concedéronse 36.000 euros para 8 incentivos á contratación laboral. Cómpre destacar que nun inicio a formación estaba deseñada para un total de 20 alumnos/as traballador/as, mais un deles, Iago Joaquín Castro Díaz, veciño de Ames, faleceu recentemente. Durante a inauguración, Blas García tivo unhas palabras na súa memoria.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou que “temos que seguir apostando polas políticas de emprego, neste caso seguir apostando e axudando a aqueles concellos que queren ter estes obradoiros de emprego. Estes dous concellos non é a primeira vez que solicitan estes obradoiros, neste caso en dúas especialidades, pensando nas persoas que agora mesmo non teñen un traballo e que necesitan unha formación. Con estes obradoiros o que facemos e darlles esta formación. Estes nove meses vanlles dar aos beneficiarios moitas oportunidades. por unha banda un certificado de profesionalidade en dúas ramas diferentes e por outra facer cousas que van quedar para o goce da sociedade.”

O alcalde de Ames, Blas García, animou ao alumnado a “esforzarse e coller con ganas este obradoiro formativo porque é unha gran oportunidade para atopar traballo. Nas dúas especialidades que estades se lle poñedes interese seguro que ides a poder acceder ao mercado laboral. A nosa obriga é axudarvos a formarvos para que adquirades novos coñecementos e poidades dispor dun emprego, porque iso permite ter independencia e dignidade. Aproveitade o tempo que ides a estar neste obradoiro porque estades formándovos en sectores que requiren de man de obra cualificada na actualidade, polo que vos vai abrir novas portas no futuro”.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, dixo que “a través destes obradoiros ademais de formarvos facedes moitas cousas boas para a cidadanía de Brión e Ames. Teño que agradecer a colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Ames para poder levar a cabo este obradoiro. Aproveitade estes nove meses de formación e recordade que estamos á vosa disposición para o que queirades, tanto nós como os técnicos dos departamentos de Emprego de Brión e de Ames. Tanto durante o curso, como despois del”. 

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz, destaca que “este ano optouse por ampliar a formación a dous certificados profesionais. Deste xeito diversificamos a formación en instalacións solares fotovoltaicas e en xardíns e zonas verdes. Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego nos que as persoas traballadoras desempregadas participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social”.

Especialidades formativas:
A formación que recibe o alumnado traballador nesta edición inclúe os seguintes certificados de profesionalidade:

-ENAE0108: Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas – 9 prazas.
-AGAO0208: Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes – 10 prazas.

Así mesmo, impártese a seguinte formación complementaria e de carácter transversal: formación homologada de Prevención de Riscos Laborais, Sensibilización ambiental e eficiencia enerxética, Sensibilización na igualdade de xénero, Alfabetización informática: informática e internet, Inserción laboral e técnicas de busca de emprego e formación empresarial.

Novas instalacións de paneis solares fotovoltaicos e actuacións en zonas verdes
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realiza traballos de interese municipal. Neste caso vanse realizar novas instalacións de fotovoltaicas na Casa da Cultura de Bertamiráns e no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames en Aldea Nova.

Por outra banda, faranse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do campo de fútbol e pavillón polideportivo de Bertamiráns, campo de fútbol do Milladoiro, Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, escola infantil de Brión, pavillón polideportivo de Brión, espazo colaborativo de Brión, depuradora da Ameixenda do concello de Ames, depuradora do Milladoiro, centro polivalente de Brión, ETAP de Lens dos concellos de Ames-Brión, pérgola fotovoltaica da biblioteca de Brión, EDAR de Sisalde, piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, Escolas infantís A Madalena do Milladoiro e O Bosque de Bertamiráns e na Escola de Música de Brión.

Do mesmo xeito, no ámbito da xardinería e zonas verdes, levaranse a cabo as seguintes actuacións: recuperación ambiental do bosque en galería e obras de xardinería no parque do Ameneiral en Bertamiráns; instalación de xardín climático na rúa da Madalena no Milladoiro; mantemento dos xardíns da rúa Anxeriz no Milladoiro e instalación e mellora das zonas verdes e rotondas do Concello de Brión.

20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde

Multimedia

  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde
  • 20 alumnos/as de Ames e Brión fórmanse no obradoiro dual de emprego Renova Verde