Solapas principales

17 entidades e 13 nacionalidades participarán na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames

Jueves, 29 de septiembre de 2022

O Pazo da Peregrina acollerá este sábado, 1 de outubro, de 10.00 a 19.00 horas, a segunda edición da Feira do voluntariado “Sementando Voluntariado” que este ano inclúe dentro da súa programación o Encontro intercultural de Ames. Na Feira participarán 17 entidades relacionadas con diferentes ámbitos do voluntariado como son o sanitario, cooperación internacional, inmigración... Ao longo do día haberá un amplo abano de actividades: mesa redonda, charla-coloquio, xogos, mostra fotográfica, actuación musical, etc. O Encontro intercultural celebrarase de 14.00 a 16.00 horas, coincidindo co horario do xantar. Poderanse degustar pratos típicos elaborados por persoas de 13 nacionalidades diferentes.

Este sábado, 1 de outubro, o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acollerá a segunda edición da Feira de voluntariado de Ames, que este ano tamén inclúe dentro da súa programación o Encontro intercultural. Este ano o lema de dita Feira é “Sementando voluntariado”. O obxectivo é que este evento sexa un punto de encontro e para compartir experiencias entre as diferentes entidades que participan e tamén con aquelas persoas que se acheguen ao Pazo da Peregrina.

Participarán 17 entidades relacionadas con diferentes ámbitos como son o sanitario, cooperación internacional, inmigración, etc. Deste xeito, contarán cun stand as seguinte entidades: Asociación de Migrantes de Galicia, Asociación sociocultural de venezolanos en Santiago de Compostela, Asociación galega de familias de acollida, Asociación social e cultural Recycling, Fundación Tierra de hombres España, Confederación galega de persoas con discapacidade, Cáritas Milladoiro, Fundación Down Compostela, Asociación de dano cerebral de Compostela, Agrupación de Protección Civil de Ames, Obra social pediatría CHUS, ONG Solidariedade internacional de Galicia, ONG Manos Unidas, Arcea Adames, Asociación Fonte da Virxe, Oficina de Voluntariado do Concello de Ames e Dirección xeral de voluntariado da Xunta de Galicia.

A Feira do voluntariado comezará ás 10.00 horas co acto de inauguración que contará coa presenza do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijoo, da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e do coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos. Ás 12.00 horas realizarase unha mesa redonda baixo o lema "A miña experiencia como voluntario/a". Trátase dunha mesa de intercambio de experiencias sobre voluntariado no que participarán diversas entidades.

Encontro intercultural
Entre as 14.00 e as 16.00 horas realizarase o Encontro intercultural que tamén se celebrará no Pazo da Peregrina. Veciños e veciñas de Ames que son nativas de países como Brasil, México, Guatemala, Venezuela, Guinea Ecuatorial, Ghana, Marrocos, Alxeria, Ucraína, Timor Oriental, Colombia, China e República Dominicana, cociñarán pratos típicos de ditos países que poderán ser degustados por todos e todas. Trátase de coñecer a cultura gastronómica destas persoas que de xeito desinteresado prepararán diferentes produtos típicos dos seus países de procedencia.
 
Programación de tarde da Feira
Pola tarde a programación comezará ás 16:00 horas co xogo "Non pases palabra" que impartirá o persoal da asociación Solidariedade Internacional de Galicia. De seguido, ás 17:00 horas poderase ver a exposición fotográfica "Olladas desde a inmigración" e tamén se impartirá unha charla coloquio a cargo do persoal da Asociación de Migrantes de Galicia. Ademais, ao longo de toda a xornada desenvolverase unha actividade de xogos tradicionais denominada "Facendo tribu", que tamén impartirá o persoal da Asociación de Migrantes de Galicia. Ás 19:00 horas farase a clausura e despedida da Feira e haberá unha actuación musical como peche do evento.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijoo, explicou que “nesta segunda Feira do voluntariado o obxectivo principal é darlle un impulso ao voluntariado e que todas as persoas con inquedanzas poidan coñecer diferentes asociacións e distintos ámbitos de traballo. A idea que temos é tratar de facer unha captación de voluntarios e voluntarias a través deste evento”.

Ademais, engadiu “contamos con 17 entidades, a maioría son asociacións que xa participaron na primeira edición desta Feira, pero tamén hai algunhas novas que se apuntaron este ano. Teremos obradoiros e actividades a cargo de diferentes asociacións que participan. Ademais, este ano integramos dentro da programación da Feira o Encontro intercultural de Ames, porque forman parte da familia do voluntariado amesán, e co obxectivo de darlle visibilidade á comunidade migrante de Ames”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames celebra hoy la Feira do Voluntariado y el Encontro Intercultural"

El Correo Gallego: "Diecisiete entidades y comida de trece países para la II Feira do Voluntariado"

AMSGO!: "Ames acolle o sábado a II Feira do Voluntariado"

Enfoques: "Ames reúne a 17 entidades y 13 nacionalidades en su Feira do Voluntariado y Encontro Intercultural"

17 entidades e 13 nacionalidades participarán na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames

Multimedia

  • 17 entidades e 13 nacionalidades participarán na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames
  • 17 entidades e 13 nacionalidades participarán na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames