Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha o programa de conciliación Xuño Lúdico, no que está a participar rapazada do segundo ciclo de infantil e de educación primaria entre o 22 e o 30 de xuño. En total, o Xuño Lúdico acolle a 160 nenas e nenos, que están repartidos do seguinte xeito: 72 no CEIP da Maía, de Bertamiráns (dos cales 38 son de infantil e 34 de primaria); 58 no EEI Milladoiro; e 80 no CEP de Ventín.
A iniciativa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para todos os rapaces e rapazas daquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar. Nesta edición do programa, os cativos e cativas participan nunha viaxe simbólica na que se converterán nos protagonistas do seu propio proceso de crecemento persoal e social.
A concelleira de Educación, Beatriz Martínez, visitou esta mañá as instalacións do CEIP da Maía para comprobar como se está desenvolvendo o programa do Xuño Lúdico en Bertamiráns. Estivo nas instalacións deportivas, onde os nenos e nenas de educación primaria realizaron diversos xogos, e tamén visitou aos rapaces e rapazas de educación infantil que participaron en diversas actividades dentro do centro.
O programa Xuño Lúdico estase a desenvolver durante os días 22, 23, 25, 26, 29 e 230 de xuño. Ofértanse os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou os comedores, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida son as 14:30 ou as 16:00 horas.
Fomento do autocoñecemento e a expresión emocional
Nesta ocasión, no Xuño Lúdico introducirase a temática das emocións. Deste xeiro, a través de xogos, dinámicas grupais, retos cooperativos e actividades creativas, os cativos e cativas explorarán diferentes emocións, aprenderán a identificalas e expresalas, e desenvolverán habilidades para a convivencia e o benestar emocional.
Cada xornada presentarase como unha pequena misión dentro deste “mapa das emocións”, permitindo aos participantes avanzar na súa propia aventura persoal, ao tempo que van fortalecendo as relacións co resto do grupo e desenvolven unha actitude cara a si mesmos e cara aos demais compañeiros e compañeiras do programa.
Cada período de dito programa lúdico representa unha etapa desta viaxe emocional. Deste xeito, durante o mes de xuño, os nenos e nenas participantes iranse coñecendo, o que favorecerá, á vez, o seu autocoñecemento e a adaptación ao grupo e expresión emocional. Durante os meses de xullo e agosto, exploraranse as emocións mediante experiencias lúdicas relacionadas coa imaxinación, a creatividade e a convivencia.
Por último, no período de setembro, os cativos e cativos terán un proceso de reorganización e volta, facilitando en todo momento o regreso progresivo cara ao contexto escolar, sempre desde a seguridade emocional e a cohesión grupal que foron traballando durante este período de vacacións estivais no programa de conciliación.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El colegio de Ventín aporta 80 niños al Xuño Lúdico de Ames"














