Solapas principales

15 mulleres participan no Obradoiro de Acollemento Lingüístico que comezou onte en Bertamiráns

Jueves, 15 de abril de 2021

O Pazo da Peregrina acolle dende onte e até o día 21 de maio o Obradoiro de Acollemento Lingüístico "En galego co teu acento" que, organizado pola Concellaría de Normalización en colaboración co Servizo de Atención a Migrantes, achega a nosa lingua e a nosa cultura á veciñanza procedente de outros lugares e países. A presentación do curso acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a de Benestar Social, Luísa Feijóo, a técnica de Normalización, Rosa Moreiras, e Antía Rei, que se encargará de impartir as clases.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, gabou a presenza das mulleres no curso e convidounas a perder a vergoña e a falar galego dende o primeiro momento. "O único galego malo é o que non se fala", manifestou Pampín no seu discurso de benvida.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, agradeceu ás alumnas ter escollido Ames para vivir e enriquecer coa súa presenza a comunidade amesá: "Porque onde outros concellos ven unha problemática, nós vemos unha oportunidade, a oportunidade de compartir as nosas culturas", Feijóo rematou a súa intervención manifestando que "somos un concello acolledor e solidario e iso débese á vosa presenza".

Nesta ocasión, todo o alumnado do obradoiro é feminino. 15 mulleres procedentes de Cuba, Venezuela, República Dominicana, Puerto Rico e Elche séntanse xuntas, respectando distancias e cumprindo protocolos sanitarios, no primeiro andar do Pazo da Peregrina, convertido en aula para a realización do obradoiro.

Na rolda de presentación, todas expuxeron os motivos que as levaron a apuntarse a estas clases nas que o menos importante é a gramática e o fundamental é "romper o muro de vergoña e animarse a falar sen medo", tal e como declarou a técnica de normalización, Rosa Moreiras. Desireth de Caracas dixo que quería "aprender para el día a día y para poder ayudar a mi hija en el colegio", algo no que coinciden María Eugenia, que vén do estado de Carabobo, tamén en Venezuela, e Vanesa, que naceu en Elche e xa fala un pouco de galego, e ve no obradoiro unha posibilidade para "perder a vergoña e comezar a falar en público". Judith, de Caracas, dixo que lle encantaba "el idioma, la cultura, el amor y todo lo que ofrece este bello país".

Conseguir ferramentas para integrarse que ademais lles faciliten a incursión no mercado laboral son obxectivos nos que tamén coinciden moitas das alumnas. Marbelys e Nohely, de Venezuela, manifestárono así na rolda de presentación. Kailza, de Cuba, falou de "poder atopar un traballo e integrarme na sociedade". Tania, de La Habana, engadiu ao desexo de integración o de "aprender e perder o medo". Celia, de Cuba, falou de "aprender a comunicarme", o mesmo que Raysa, de Santo Domingo, que dixo que ademais quere "familiarizarse con las formas de hablar y ser" da terra que a acolle.

Yanira, de Venezuela, dixo que lle interesaba aprender tamén "para entenderlos a ustedes ya que ustedes me entienden a mi" e a colombiana Jimena explicou que "conocer la cultura me ayuda a socializarme y me abre puertas". Pilar, de Puerto Rico, chegou ao obradoiro falando galego correctamente: "Quero aprender a falalo ben para honrar o meu avó e porque namorei coma unha louca dun galego e este é o lugar que máis me gusta no mundo".

De seguro que nas cinco semanas que dura o curso, Pilar mellorará aínda máis o idioma e o resto das súas compañeiras serán quen xa de facer a rolda de despedida na lingua de Rosalía. Polo medio, ademais das nocións básicas para comprender e manexarse co galego, tanto na escrita como de xeito oral, coñecerán moito máis da cultura e da historia de Galicia e particularmente do territorio amesá no que viven. De seguro tamén que farán amizades desas que duran para sempre, cumprindo así outros dos obxectivos destes obradoiros: o da integración e a cohesión social. De feito os acenos de camaradería e complicidade pairaban xa na primeira sesión do curso.

No entanto, a presenza destas 15 mulleres no de Obradoiro de Acollemento Lingüístico pon en valor a multiculturalidade e a esencia de concello de acollida da que sempre fai gala Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Gallego por la integración desde Elche hasta Caracas"

La Voz de Galicia: "Quince amienses participan en el programa «En galego co teu acento»"

Obradoiro de acollemento lingüístico

Multimedia

  • Obradoiro de acollemento lingüístico
  • Obradoiro de acollemento lingüístico
  • Obradoiro de acollemento lingüístico
  • Obradoiro de acollemento lingüístico