Solapas principales

15 actividades compoñen a programación infantil con Apego do vindeiro cuadrimestre

Martes, 31 de agosto de 2021

Contos, música, teatro, xogos, encontros científicos e festivais de cine e de maxia, 15 actividades compoñen a programación infantil con Apego para o último cuadrimestre do ano 2021 que prepararon as concellarías de Cultura e Normalización Lingüística. A primeira delas son as Brincadeiras Miúdas, que terán lugar o 1 e o 2 de setembro. Trátase de dúas xornadas de xogos, baile e cantos ao aire libre. Esta programación pechará o 17 de decembro coa visita do Apalpador no patio do Pazo da Peregrina. Podes consultar o programa completo premendo nesta ligazón.

O outono está preto e as concellarías de Cultura e  Normalización Lingüística xa teñen planificada a programación infantil para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Durante este período, as familias con nenas e nenos poderán participar nunha ampla e variada oferta lúdica para todas as idades que lles achegue recursos para unha crianza positiva e creativa. Nesta programación teñen un papel predominante as actividades vinculadas co medio natural e coa ciencia.

En setembro presentarase a primeira ruta Apego de Ames, un tramo autoguiado da ruta das Ribeiras do Tambre situado na parroquia de Lens, con elementos informativos, de xogo e de descanso accesibles ás crianzas e que pretenden estimular o coñecemento e o amor polo noso patrimonio ambiental, cultural e lingüístico.

Cé Orquestra Pantasma,  Eme2 Teatro, EducaTeatro, Teatro Avento, Migallas, Raquel Queizás, Celso Fernández Sanmartín, Marta Ortiz, Pakolas e Anxo Moure conducirannos por aventuras cargadas de contos, xogos, música e teatro ao longo dos vindeiros meses.

En outubro volverá o xa clásico Festival de Maxia do Concello de Ames, que encherá de fantasía os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro.

A ciencia será unha das protagonista do mes de novembro con encontros-charlas con dous dos divulgadores científicos máis prestixiosos do país, Angel Carracedo e Xurxo Mariño.

O cine tamén terá un papel central nese penúltimo mes do ano, pois será o momento do  III Festival Internacional de Cine Infantil.

E para abrir o Nadal, o Apalpador volverá a Ames  cargado de contos, cantos e agasallos máxicos para todas as crianzas.

Toda esta programación presentase nun colorido folleto que leva na portada un recitado  dialogado con instrucións para xogar en calquera lugar ou espazo.

Desde as concellarías de Cultura e Normalización Lingüística considérase que neste concello, cunha altísima porcentaxe de poboación nova, se lle debe prestar especial atención á programación infantil co obxectivo de  ofrecer unha oferta diversa e de calidade que lles achegue a cultura e a lingua propias a todas as familias.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "O programa Apego de Ames presenta as actividades para os vindeiros meses"

Programa Apego
Descargas: 
4.81 MB
Programa Apego

Multimedia

  • Programa Apego