- Tematica
Este domingo, 18 de outubro, celebrarase a vixésimo quinta edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. Esta proba contará cun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro. Nesta edición hai inscritas 1.203 persoas (arredor de 521 nas categorías absoluta e sub-18, mentres que nas categorías escolares hai 682 rapaces e rapazas inscritos). Os dorsais poden retirarse na Casa do Concello o sábado, 17 de outubro, en horario das 17:00 ás 20:00 horas, ou o mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo e os horarios da XXV Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan este domingo, 18 de outubro, a XXV edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, unha proba que pertence ao XII Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Contará cun circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo, na distancia de 10 quilómetros, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro.
Ao ser unha carreira popular, poden participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. Deste xeito, hai un total de 14 categorías masculinas e femininas: pitufo, prebenxamín, sub10, sub12, sub14, sub16, sub18, sub20, sub23, sénior, máster1, máster2, máster3 e máster4. O control da proba estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Participación e retirada de dorsais
Nesta edición hai inscritas 1.203 persoas (521 nas categorías absoluta e sub-18, mentres que nas categorías escolares hai 682 rapaces e rapazas inscritos). Non se admiten inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Na proba 10K a participación é a seguinte: sénior - 111, máster1 - 64; máster2 - 176; máster3 - 93; máster4 - 31; sub20 - 9; e sub23 - 9 atletas. Na proba de 5K dirixida a persoas sub18 participarán 28 corredores/as.
Por outra banda, a participación nas categorías infantís é a seguinte: pitufo - 111; prebenxamín - 173; sub10 - 123; sub12 - 141; sub14 - 87; e sub16 - 47 rapaces e rapazas. Os horarios das diferentes probas poden consultarse premendo nesta ligazón.
A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun dorsal-chip que se lle entregará a cada corredor/a. Os e as participantes que cheguen á meta sen este elemento ou que o leven colocado de xeito incorrecto descualificaranse automaticamente segundo criterio do xuíz árbitro da competición.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello (praza do Concello número 2, en Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado, 17 de outubro en horario das 17:00 ás 20:00 horas) ou o mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para evitar colas, recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido.
Premios e trofeos
Recibirán un trofeo as tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría establecida no regulamento e tamén as tres primeiras clasificadas da proba absoluta. Na proba absoluta recibirán un trofeo local as tres primeiras persoas clasificadas empadroadas no Concello de Ames. Ademais, a ganadora e o ganador locais, tanto feminino como masculino, obterán un abono trimestral no Centro Deportivo Municipal A Telleira de Bertamiráns.
Tamén recibirán un trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Os premios non serán acumulativos, de xeito que ningún corredor ou corredora poderá recibir dous trofeos (agás os premios aos/ás atletas locais). Non haberá premios nin trofeos para as crianzas participantes das categorías prebenxamín e pitufo. Nestas categorías entregaráselle unha medalla de chocolate a cada participante.
Haberá tamén premios en metálico. Na proba absoluta 10K o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados da proba absoluta 10 K o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros.
A clasificación de clubs establecerase a través das 10 primeiras persoas clasificadas do club, sexan homes ou mulleres, mediante a suma dos seus postos. Os clubs deberán estar compostos, como mínimo, por 10 compoñentes que crucen a liña de meta e que teñan a licenza federativa en vigor.
Cortes e prohibicións de tráfico
O día do evento, domingo 18 de outubro, quedará prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo desde as 00:00 horas ata as 15:00 horas. Ademais, haberá cortes de tráfico en diversas rúas e aldeas polas que transcorre a carreira de 08:00 horas a 15:00 horas. Os lugares afectados son a rúa Alcalde Lorenzo, A Condomiña (estrada DP-0205 ata rotonda do Agro do Muíño) quedando afectadas todas as vías de acceso a ese tramo, Agro do Muíño, Sisalde, rúa Entrerríos, rúa Agrelo, rúa Xunqueira, A Condomiña e As Punxeiras. Recoméndase evitar esas vías e acceder a través da AG-56 ou a AC-300 (Os Ánxeles-Picaraña) cara a Padrón. Premendo nesta ligazón pódese descargar dito aviso.





