A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”, unha iniciativa impulsada polo Concello de Ames co obxectivo de dar visibilidade e dignificar a ocupación laboral das persoas con discapacidade, xunto cunha variedade de entidades locais. Deste xeito, Ames converteuse nun concello pioneiro na organización dunha xornada na que entidades, persoas con discapacidade, empresas e demais veciñanza gozaron dun espazo de convivencia e conversa arredor da normalización laboral deste colectivo. Premendo nesta ligazón poder ver un vídeo sobre a inclusión laboral das persoas con discapacidade, que foi emitido durante dita xornada.
Durante toda a xornada fóronse desenvolvendo diversas conversas e relatorios arredor da inclusión laboral das persoas con discapacidade. O evento deu comezo arredor das 10.00 horas coa benvida institucional a todas as persoas participantes. Neste saúdo, participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz; a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García; e os técnicos de Emprego María Lloves e Pablo Bello.
O alcalde de Ames, Blas García, recordou que “hai persoas que nacen cunha discapacidade e outras que a adquiren ao longo da súa vida e non por iso deixan de facer a súa vida diaria” e “se hai algo que nos outorga dignidade ás persoas é poder ter un traballo que nos permita ser libres e autónomos”. O alcalde recoñeceu que “se hai unha cousa concreta da que me sinto moi orgulloso é o Club da Diversidade, onde as persoas mozas con algún tipo de discapacidade poden realizar actividades dentro do concello”, o que pon de manifesto o compromiso do Concello de Ames neste eido.
Foi a concelleira de Promoción Económica, Ana Balén Paz, quen valorou esta xornada como “moi especial para nós”. A edil recoñeceu que agarda “que os demais concellos se impliquen e comecen a facer eventos coma este”, xa que “ir da man das asociacións, entidades e empresas é moi importante”.
Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, sinalou que “aínda queda moito por traballar, pero imos na dirección correcta”, xa que as persoas “teñan ou non teñan discapacidade deben gozar dunha plena inclusión na nosa sociedade e, por tanto, no noso Concello de Ames”. Para a concelleira, o de hoxe é “unha forma de visibilizar, incluír e compartir” e non podía ser doutro xeito “a celebración desta gala”.
Tamén asistiron ás xornadas o presidente de CERMI Galicia, Ramón Sestayo; o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; o presidente de Down Compostela, Juan Jesús Martínez; a directora rexional de Inserta Beatriz Gallego; o vogal de CEGASAL, Ignacio Rodríguez; e a coordinadora de emprego da FAXPG, María Carmen Insua.
Posteriormente a esta benvida deuse paso á proxección dun vídeo ilustrativo da inclusión laboral das persoas con discapacidade. Nel, varios participantes mostraban a normalidade do seu día a día como traballadores e traballadoras en diferentes empresas da contorna, como Milongas Parrillada, A – Emotional Light, Dixardin ou Clun, poñendo de manifesto a súa total capacitación para o desempeño de tarefas no mundo laboral.
Unha vez finalizada a peza, deuse comezo á primeira das actividades programadas, unha conversa coas persoas representantes das entidades colaboradoras: Beatriz Martínez, de Down Compostela; Pilar Míguez, de COGAMI; Noelia Rey, de Fundación ONCE-Inserta; Mayca Vidal, de CEGASAL; Rodrigo Mera, de FAXPG; e Raquel Dopico, asesora xurídica do departamento de Benestar Social do Concello de Ames.
A mesa redonda estivo conducida polo técnico de Voluntariado, Rubén Ramos, quen foi introducindo preguntas e bloques temáticos co obxectivo de que os poñentes abordasen diferentes cuestións no eido da inserción laboral das persoas con discapacidade como as principais barreiras ás que se teñen que enfrontar, os prexuízos das empresas ou as proxeccións a futuro.
Tras esta primeira conversa, as persoas asistentes puideron gozar doutro vídeo no que participaron traballadores e traballadoras con discapacidade, a meirande parte veciños e veciñas de Ames. Ditos traballadores/as foron Manuel, Carlos, Begoña, Maía, Víctor, Alexandre, Juan Manuel, Sonia, José Antonio, Carlos, Roi, Raquel, Sara, Fátima, Belén, Juan Carlos, Fernando, Carlos, Yolanda e Raquel.
Todos e todas elas compartiron a experiencia do seu día a día como empregados e empregadas en diferentes empresas locais e da contorna, mostrando a normalidade coa que traballan e reafirmando o valor das persoas con discapacidade física, psíquica ou psicosocial no mundo laboral. Cada unha das persoas participantes no vídeo demostrou que a única barreira son os prexuízos das persoas normotípicas.
Para a produción e elaboración, tanto desta como da anterior peza audiovisual, colaboraron as seguintes empresas e entidades sociais: Milongas Bertamiráns, Limpezas Salgado, A- Emotional light, Tecidos Tolemia, Clun, Burguer King Cancelas, Cogami, Coregal, Ilunion Testilcare, Dixardin e Combina Social.
Arredor das 12.15 horas, tras a proxección deste segundo vídeo foi a quenda de escoitar aos verdadeiros protagonistas, as persoas que o fixeron posible: José Antonio, empregado de A – Emotional Light; Daniel, empregado de Milongas Parrillada e José Ribas, director xeral do restaurante; e a vicepresidenta de Clun, Carmen Rodríguez, subiron á palestra para compartir as súas experiencias e casos reais do mundo laboral e empresarial desde a óptica da discapacidade. A xornada finalizou ás 12.50 horas cos agradecementos e, posteriormente, as persoas participantes foron convidadas ao café no hall da Casa da Cultura.
A gala foi integramente retransmitida por streaming a través das canles oficias do concello e tamén contou coa participación de dúas intérpretes en lingua de signos, que permitiron unha total accesibilidade para todas as persoas asistentes ao evento, tanto no auditorio como dende a casa de xeito telemático.
Orgullo, dignidade e talento
Esta primeira edición das xornadas “A diversidade no emprego” foi un evento de visibilización, recoñecemento e respecto cara a aquelas persoas con discapacidade física, psíquica ou psicosocial. A través dos relatorios e vídeos, as persoas asistentes recibiron unha mensaxe da alta capacitación que as persoas con algún destes tipos de discapacidade teñen para o correcto desempeño de postos de traballo.
Mediante xornadas coma esta, conciénciase á sociedade da importancia do respecto, mais, sobre todo permítese ver o orgullo, a dignidade e o talento que afloran nas persoas con discapacidade. Deste xeito, unha das sentenzas máis repetidas durante o transcurso do evento foi que a única barreira que estas persoas teñen para traballar correctamente son os prexuízos das persoas normotípicas.
Concienciar tamén require dunha discriminación positiva que permita a inclusión, a normalización e a erradicación de estigmas arredor das persoas con discapacidade, que son válidas coma as demais.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames presume como empleador pionero para personas con discapacidad con pruebas de su valía"
amsGO!: "Primeira xornada “A diversidade no emprego”"
Diario de Santiago: "Visibilidade e inclusión das persoas con discapacidade na primeira xornada “A diversidade no emprego”, en Ames"























