- Tematica
Neste mes de maio, no que se conmemora o Día das Letras Galegas o vindeiro día 17, continúa a programación dos Encontros Literarios. Nesta ocasión, coa presentación do libro “A mirada de Flor”, da amesá Margarita Murillo. A sesión terá lugar este vindeiro mércores, día 7, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Como vén sendo habitual, a entrada será libre ata completar aforo.
O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas Municipais, retoma neste mes de maio as sesións enmarcadas dentro do programa “Encontros Literarios”, unha actividade que ten como obxectivo difundir e promover literatura en galego, xunto con dar a coñecer novos autores ou escritores da contorna de Ames.
“A mirada de Flor” de Margarita Murillo
Nesta novela, que como o resto da súa obra é de autopublicación, nárrase unha historia de ciencia ficción na que o Protocolo xoga o papel de protagonista. Deste xeito, un estraño papel chega ás mans de Flor, o que resulta sendo unha especie de billete para realizar viaxes no tempo coa finalidade de completar a súa formación para comezar unha importante misión.
Esta é a cuarta publicación de Margarita Murillo que, ademais de escritora, é consultora de Protocolo desde 1999, un sector vinculado á imaxe, simboloxía e relacións interpersoais para, deste xeito, mellorar a imaxe tanto no ámbito profesional coma no persoal.
Non é a primeira vez que a autora sexa protagonista nunha sesión dos Encontros Literarios, pois xa presentou en edicións anteriores algunhas das súas obras. Ademais, Murillo tamén colabora na Radio Cidadá, en Ames Radio, a través do programa O protocolo é para todos.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Volven os Encontros Literarios a Ames este mércores coa presentación de “A mirada de Flor” de Margarita Murillo"