Actualidad
[07-12-2018] O Concello de Ames informa de que os locais hostaleiros situados no concello de Ames poderán ampliar o seu horario de peche nunha hora durante as festas de Nadal (21, 22, 23, 24, 29, 30 e 31 de decembro de 2018, así como os días 4 e 5 de xaneiro de 2019). Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a resolución completa.
[07-12-2018] Con motivo da celebración de Santa Icía, patroa da música, a Escola Infantil A Madalena converte novembro no mes máis musical do ano. Nesta ocasión, ao longo do mes pasaron pola escola varios músicos profesionais e familiares de alumnos ou alumnas, que teñen a música como afección e/ou tocan algún instrumento. O mes da música rematou coa xa tradicional Festa do rock do centro.
[07-12-2018] O inverno chega cargado de actividades á Aula CeMIT de Ames, que ten programadas un total de dezaseis actividades para os meses de decembro e xaneiro, entre as que se contan varios cursos para adultos, videoconferencias, talleres e actividades para os nenos e nenas. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
[07-12-2018] O técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, estivo 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Esta colaboración xestionouse a través dun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Cámara municipal de Tarrafal para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos municipios. Dito convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.
[06-12-2018] A Aula da Natureza de Ames organiza varios obradoiros de diversa temática de Nadal para os meses de decembro e xaneiro. Ademais do tradicional taller de decoración natural, tamén se realizará un obradoiro de Showcooking: buffet de Nadal, varias sesións de preparación de galletas e o ciclo Xogando coa ciencia. Para participar nalgún destes obradoiros, é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal antes do 18 de decembro.
[06-12-2018] O Servizo de Normalización Lingüística de Ames pon en marcha, por cuarto ano consecutivo e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos. Nesta edición o lema é “Faille máis sitio á lingua”, que anima ás crianzas a utilizar a súa lingua, o galego, no maior número posible de contextos e situacións do seu día a día. Así, os cativos/as poderán compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos nunha carta da forma que elas ou eles consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...
[06-12-2018] O Concello de Ames conmemorou esta mañá os corenta anos da Constitución Española cun programa específico para a ocasión. O acto central do programa tivo lugar este xoves, 6 de decembro, na Casa do Concello, en Bertamiráns, onde se lles fixo entrega das medallas aos alcaldes de Ames que gobernaron dende 1978. A dito acto tamén asistiron o cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, o presidente de Feiraco, José Montes, o campión de Europa de squash, Borja Golán, e diversos representantes de asociacións veciñais, culturais e empresarias, así como membros dos clubs deportivos de Ames, da asociación Arcea Adames e do Real Aero Club de Santiago. Todos eles leron diferentes artigos da Constitución. Tamén se puido asinar no Libro da Cidadanía, situado no salón de Plenos.
[05-12-2018] Este martes, 5 de decembro, conmemorase o Día internacional do voluntariado. Dende o ano 2002 o Concello de Ames conta cunha oficina municipal de voluntariado que desenvolve ao longo do ano programas de acción social, de atención socioeducativa, así como outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios. Durante estes 16 anos, máis de 350 voluntarios/as colaboraron con este departamento municipal. Na actualidade, 54 voluntarios/as colaboran activamente coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións voluntarias desenvolvidas. Dentro do abano de perfís de voluntarios/as, destacan as persoas xubiladas e/ou prexubiladas, así como as mulleres de mediana idade. Todas as actividades están dirixidas e supervisadas polo coordinador da OVA.
[05-12-2018] A Aula da Natureza de Ames organiza para este sábado, 8 de decembro, a terceira e última saída micolóxica das tres programadas para este outono. As persoas que se inscriban deberán estar ás 10.00h diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e as 10.15h na Casa da Cultura do Milladoiro. A saída para recoller cogomelos farase polo porto da Gañidoira, no concello de Muras. Con esta saída finalizan as actividades de achegamento ao mundo dos cogomelos. É necesario inscribirse antes das 14.00 horas deste venres.
[05-12-2018] O Concello de Ames conmemora os corenta anos da Constitución vixente cun programa específico para a ocasión. A programación comezou este martes, 4 de decembro, cunha mesa redonda moderada pola xornalista Aida Pena, na que participaron os profesores da USC: José Julio Fernández e Antón Losada. O acto central do programa terá lugar este xoves, 6 de decembro, na Casa do Concello de Bertamiráns, onde se lles fará entrega das medallas aos alcaldes de Ames dende 1978.
- ‹ anterior
- 8 de 795
- siguiente ›




