- Tipo
- Tematica
O Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo quinta edición. O evento está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña e ten como obxectivo fomentar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. O espectáculo celebrarase o vindeiro venres, 31 de xullo, na Travesía do Porto e no Anfiteatro do Milladoiro, onde actuarán os Tentáculo Rock, Sr Salvaje, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia. Tamén haberá persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargada dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. De novo, nesta edición ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival.
Este ano, o cartel sorprenderá na súa variedade, e tamén na súa capacidade de valorizar o rock como o estilo musical por excelencia, creando un punto de encontro de distintas xeracións a través da música. Rock galego, con grupos locais e da contorna, mesturando as bandas emerxentes coas formacións consolidadas e de longa traxectoria.
Ás 19.00 horas, no Anfiteatro do Milladoiro, A Casa do Rock achegará un obradoiro musical para os máis pequenos e pequenas a través do Merenda Rock, co obxectivo de gañar máis adeptos á música entre as crianzas. Logo, a propia Casa do Rock subirá ao escenario para ofrecer o seu xa clásico concerto didáctico.
Como guinda, Tentáculo Rock pechará os concertos do Anfiteatro do Milladoiro. Este grupo formado no ano 2017 por catro amigos na Escola unitaria da Igrexa de Ortoño. Agora, sendo xa estudantes de Agro do Muíño veñen de gañar o certame da Deputación da Coruña “Quero Cantar”, co seu tema “Vou a 120”.
Xa pola noite, ás 21.30 horas, a acción cruza a zona verde e trasládase ao asfalto da Travesía do Porto. Neste emprazamento haberá un total catro actuacións, compoñendo un dos carteis máis auténticos o festival: Extrema Función, Familia Caamagno, Sr Salvaje e Factoría de Subsistencia serán os encargados de poñer o rock na franxa nocturna.
Extrema función é un grupo formado por Pepo Suevos, Héctor Rodríguez, Luís Durán, Iris Durán, Paco Fanego, Pachi Corostola, Rafa e Maira, e defínense como un un grupo de amigos que se xuntan cada semana con gañas de compartir boa música, bo ambiente e moitas gañas de divertirse enriba do escenario do Millarock.
No caso de Familia Caamagno, a banda é ben coñecida no panorama musical galego. Veñen de publicar o su terceiro LP “Disco Comarcal”, para o que farán unha xira durante todo este ano. O grupo está composto por Toni Caamagno, Lano Caamagno, Francesco Caamagno, Jess Caamagno e Manuele Caamagno.
En canto a Sr Salvaje, aínda que emerxentes, xa coñecidos no panorama galego polo seu directo tremendamente explosivo contan cunha fórmula que parece sinxela: base clásica de rock de alta gradación xunto cunha afiada voz e unha agresiva guitarra, así completan o atractivo pack que enganchará aos mais fieis do Rock patrio. A banda fórmana Guillermo Vistoso, Antón Torroncho, Emilio Iniesta e Manuel Gómez.
Factoría de Subsistencia está integrada por artistas que sempre estiveron relacionados coas músicas deste país ata que, por fin, cruzaron os seus camiños para poñer en marcha este proxecto común. Os aromas de Korosi Dansas, Magritte, Xestreu, Carapaus, Emilio Rúa, e outros dos moitos proxectos nos que participaron, flúen ao longo da súa discografía, que navega descaradamente polas augas do rock alternativo. O grupo fórmano Sabela Dacal, Josito Porto, Rafa Otero e Adrián Ríos.





