- Tipo
- Tematica
Unha nova edición da Festa do chourizo ao viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao viño da parroquia de Ortoño, terá lugar o vindeiro domingo 13 de xullo. Un ano máis realizarase a degustación de orella cocida e de chourizos ao viño con cachelos. O xantar estará amenizado pola música da banda de gaitas e de baile rexional Os Castros e pola tarde contarase coa actuación de Eva e Camilo e do Dúo Rosán. Ademais, realizarase o XVIII campionato de chave por parellas e haberá un taller de bordado a cargo de Xenuína. A xornada rematará coa actuación do grupo A Banda da Loba, financiada polo Concello de Ames. Haberá carpa e inchables gratuítos para os nenos e nenas por cortesía de Tikolandia
A xornada dará comezo ás 12:00 horas coa celebración dunha misa cantada polos defuntos da parroquia. Unha vez rematada a eucaristía, a partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño acompañados de cachelos e da orella de porco cocida, para o que se instalará unha carpa. As racións poderanse comer acompañadas por viño do Ribeiro. Haberá tamén café e xeado.
As racións venderanse a prezos populares. Así, a tarteira con chourizos, pan, viño, café e xeado custará 13 euros, mentres que o prato de orella cocida, o pan e o viño custará 7 euros.
Actuacións musicais e concurso de chave por parellas
Durante o xantar contarase coa actuación da banda de gaitas e baile rexional Os Castros. De seguido, contarase coa actuación de Eva e Camilo e do Dúo Rosán. Ademais, a partir das 16.00 horas realizarase o XVIII campionato de chave por parellas. As inscricións das parellas poderase facer ata as 15.30 horas e contarase con trofeos doados polos Concello de Ames e outras sorpresas.
Por outra banda, de 16.05 a 17.30 impartirase un taller de bordado a cargo de Xenuína. As inscrición poderanse facer ás 15.30 horas no propio campo da festa de Ortoño. Para este obradoiro hai prazas limitadas. Haberá carpa e inchables gratuítos para os nenos e nenas por cortesía de Tikolandia.
A xornada rematará coa gran actuación do grupo A Banda da Loba, financiada polo Concello de Ames. A Banda da Loba está composta por Andrea, Estela, Iria, Marcela e Xiana. “Bailando as rúas”, “Fábrica de luz”, “Hasme oír”, “Xabón Lagarta” e “Lovismo”, publicado este ano 2025, son os cinco traballos discográficos que teñen publicados.





