- Tipo
- Tematica
O Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, e o Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro, organizan este domingo, 1 de xuño, a XIV edición do Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais do Concello de Ames. A cita terá lugar a partir das 12:00 horas no pavillón municipal de Bertamiráns. O programa inclúe varias exhibicións dos distintos grupos dos clubs de patinaxe amesáns. Este evento conta coa colaboración do Concello de Ames a través da Concellería de Deportes.
O pavillón municipal de Bertamiráns acollerá este domingo 1 de xuño o XIV Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais do Concello de Ames, un evento deportivo no que participarán as rapazas e rapaces das escolas de patinaxe artística dos clubs de Ames. Ao longo de toda a mañá realizarán diversas coreografías grupais nas que interpretarán diferentes ideas e temáticas e, ademais, amosaranlle ao público o aprendido ao longo de todo este curso 2024-2025.
As portas do pavillón abriranse ás 11:35h e ás 11:50 farase unha presentación do encontro. A partir das 12:00 horas comezarán as exhibicións dos grupos de categoría base.
Abrindo o encontro, actuará o grupo 1 de Bertamiráns con “Ritmo e rodas na pista”, que ofrecerán unha actuación da coñecida película Grease. De seguido, o grupo 0 do Milladoiro con “O baile dos xoguetes”, no que transformarán a pista de patinaxe nun cuarto de xogos. O terceiro grupo de actuar será o de Batouta con “3...2...1… Despegue!”, e tratarán de achegarnos ata a Lúa. Pechando esta primeira parte do encontro, será a quenda do grupo 4 de Bertamiráns con “Cupidos en apuros”, no que a actuación xirará arredor do amor e das frechas máxicas de Cupido.
Tras as actuacións dos grupos de categoría base, será o quencemento do CPA Omega e a exhibición da patinadora de categoría nacional do CP Sarela, María Peña, actual campioa provincial na categoría senior.
A continuación, será a quenda dos grupos de categoría avanzada. O primeiro en actuar será o grupo 2 de Bertamiráns con “Pandora: o inicio do fin”, no que tratarán de acabar coa caixa que garda todos os males do mundo. De seguido, será a quenda do grupo 2 do Milladoiro con “O noso soño “Chegar a ser olímpicos””, unha actuación que reflexionará sobre o esforzo, constancia e ilusión para que algún día a patinaxe artística chegue a ser unha disciplina olímpica.
A terceira exhibición en categoría avanzada virá da man do grupo 3 de Bertamiráns con “Fíos de loita”, cunha actuación que narra a historia de mulleres que formaron parte da loita pola igualdade. Pechando este bloque, será a quenda do grupo 1 do Milladoiro con “Un billete para a fortuna”, unha historia dunha fortuna que che pode cambiar a vida.
No derradeiro bloque de exhibicións, actuarán o CPA Omega e a patinadora de categoría nacional do CPA Sarela Inés Peña, oitava clasificada no Campionato de España, terceira na Interland Cup que se celebrou en Alemaña e actual campioa provincial na categoría junior.
O evento rematará arredor das 13:35, cun desfile final das persoas participantes e a entrega de medallas e diplomas ás patinadoras e patinadores participantes.
