- Tipo
- Tematica
A quinta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá o concello desde A Ponte Maceira ata o Real Aeroclub de Santiago, terá lugar o domingo 17 de marzo. Organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, a proba foi presentada esta mañá na Casa do Concello, en Bertamiráns. Contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil
A Ponte Maceira será o punto de saída, tanto para o trail como para a andaina. Ás 10:00 horas sairán os participantes no trail, que percorrerán unha distancia de 16 quilómetros. A meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia de Piñeiro. Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina. Neste caso, a meta é a mesma e a distancia un pouco menor, duns 15 quilómetros aproximadamente.
Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub ata o punto de saída na Ponte Maceira, a partir das 8:15 horas. Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e no trail curto, e de 11 euros para os participantes no trail, e poderán recollerse a partir das 8:15 horas nas instalacións do Real Aeroclub. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.
Establecerase un tempo de corte para ambas competicións. Dito tempo de corte será de 1 hora e 15 minutos dende a saída para o trail (11:15 horas) e de 2 horas e 20 minutos dende a saída para a andaina (12:20 horas). Os/as participantes que chegado ese momento non completasen a proba serán retirados da competición e trasladados ao punto de meta.