Solapas principales

>V Feira da Saúde e Benestar

Sábado, 25 abril, 2026
A partir das 11.00 horas

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción da Saúde, presenta unha nova edición da Feira da Saúde e Benestar, que este ano xirará arredor da pel, o órgano que nos envolve. Deste xeito, o sábado 25 de abril, na praza da Maía de Bertamiráns, sucederanse durante todo o día presentacións, charlas, obradoiros e coloquios en relación ao coidado da pel e da saúde en xeral. Nesta edición participarán un total de 13 asociacións cos seus stands para proporcionar información sobre o seu labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a feira. Ademais, o Concello de Ames contará cun stand propio para dar visibilidade ás actividades que se organizan dende o departamento de Promoción da Saúde, sobre todo para dar a coñecer o plan municipal de saúde mental, as andainas, os talleres de regulación emocional, o programa de cesación tabáquica, etc”.

A xornada comezará ás 11.00 horas coa inauguración da feira na carpa da praza da Maía, posteriormente desenvolveranse as presentacións de todas as entidades participantes. Ditas entidades son 13: ALCER, ANEDIA, AECC, Alcólicos Anónimos, ASANOG, Fonte da Virxe, querENDO, Obra Social Pediatría, AGAL Lupus Compostela, ConAtrite, AGADEA, Dano Cerebral Santiago de Compostela e ASOTRAME.

Xa ás 11.30 horas, a actividade trasladarase á Casa dos Maiores, situada na praza da Maía, onde se impartirá o relatorio A túa pel ten memoria, protéxea cada día; prevención do cancro de pel”, unha charla a cargo de Iria Villar, técnica de prevención e coidados da AECC. Logo deste espazo informativo, as persoas participantes recibirán unha clase de taichí impartida, ás 11.45 horas no parque do Ameneiral, polos instrutores de India&Tai, un centro de artes marciais.

Tras o taichí, haberá unha pausa ás 14.00 horas. A actividade retomarase ás 17.00 horas cunha nova rolda de presentacións. Unha vez rematada, comezará, ás 17.30 horas na Casa dos Maiores, o coloquio-obradoiro Coidados básicos da pel. Esta actividade estará impartida por Catalina Outeiral, que é Asesora Dermatolóxica. 

Ás 19.00 horas, o persoal de India&Tai volverá impartir unha nova sesión, mais desta vez será de ioga. O emprazamento tamén será no parque do Ameneiral. Non obstante, no caso de choiva, tanto a sesión de taichí da mañá como esta de ioga trasladaranse á Casa dos Maiores. Ás 20.00 horas, a feira da saúde chegará ao seu fin.