- Tipo
- Tematica
A primeira representación da programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022 é “Gloria Nacional”, que conta a historia de Uxío Rodas, un escultor e pintor de gran repercusión no seu país ao que o seu presidente lle pide unha gran escultura monumental que represente á súa nación. Dirixida pola compañía Teatro do Noroeste, a representación será o venres 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas estarán dispoñibles dende o mércores 5 de xaneiro na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Uxío Rodas, escultor e pintor, é considerado polos seus contemporáneos unha auténtica “gloria nacional”. As súas esculturas están nos mellores museos internacionais.
Agora está no seu estudio, apartado da civilización, tentando concentrarse no seu traballo máis importante.
Efectivamente, o goberno do seu país, ao través do seu presidente, antigo camarada de Uxío, acaba de encargarlle unha escultura monumental que se colocará na praza principal da capital. Unha escultura que represente e simbolice á nación.
A Uxío cústalle encarar o seu traballo, está en crise creativa, e estando nesas recibe a visita, primeiro da súa representante e marchante nos mercados internacionais e despois a da propia ministra de Cultura do seu país. O actual debate, arte, cultura, mercados e política está servido.