Solapas principales

> Teatro: "As alumnas"

Viernes, 4 noviembre, 2022
Ás 20:30 horas

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 4 de novembro, a representación da obra de teatro “As alumnas”, producida por Culturactiva. Dirixida a un público adulto, trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito, e sobre o retroceso na educación das mulleres durante o franquismo. Será ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. A obra enmárcase dentro do convenio asinado entre o Concello de Ames e Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). As entradas pódense retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.

A educación, elemento primordial no desenvolvemento e na liberdade das persoas, é a peza fundamental da obra. As dúas personaxes que a protagonizan representan a dúas alumnas da pedagoga María Barbeito, no marco anterior e posterior á guerra civil, facendo un relato sobre as transformacións sociais da época.

A directora da obra, Fina Calleja, é membro da compañía Sarabela Teatro dende 1998 e docente na Aula de Teatro Universitario de Ourense. Ao longo da súa carreira profesional recibiu premios como o María Casares ao mellor texto adaptado, polas versións teatrais de O lapis do carpinteiro e Sexismunda. Ademais, tamén conta con experiencia como actriz, e ten participado en varias series de televisión, como Padre Casares.

O electo complétano as actrices Mónica Camaño e Anabell Gago. Camaño (Cangas do Morrazo, 1971) conta cunha longa traxectoria profesional ás súas costas como actriz e directora. No 2008 recibiu o premio María Casares pola súa interpretación no espectáculo Emigrados. Gago, pola súa, banda, tamén ten traballado en numerosas ocasións como actriz e directora. Destaca a súa presenza no mundo audiovisual, participando en series como Rías Baixas ou Terras de Miranda.