- Tipo
- Tematica
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames vén de anunciar a súa programación para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro, e que, nesta ocasión, ademais dos habituais obradoiros e sesións de narrativa oral para os máis pequenos que se desenvolverán tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns, presenta varias novidades.
Coa volta ás aulas e a chegada do outono, as bibliotecas municipais tamén retoman a súa programación habitual para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Por unha banda, hai propostas de animación á lectura para o público infantil, con contacontos e obradoiros, e por outra, tamén hai opcións para o público adulto, cos encontros literarios. Ademais das clásicas actividades, desta volta incorporan novas propostas para este mes de setembro e comezos do mes de outubro.
A novidade deste ano con respecto ás sesións de contacontos atoparémola neste mes de setembro, na que teremos dúas propostas diferentes e lúdicas para animar ás crianzas a iniciarse na lectura. Antes de dar comezo coas sesións de contacontos, os días 1 e 2 de outubro haberá unha presentación do novo libro da familia dos Bolechas, “Os Bolechas. Familias acolledoras”, co que se pretende dinamizar o uso da lingua galega xunto con sensibilizar e visibilizar os procesos de acollida familiar.





