Solapas principales

>Pedras e Estrelas

Sábado, 26 julio, 2025
Ás 21.30 horas

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza para este sábado, 26 de xullo, a actividade “Pedras e estrelas”, que combina a visita aos petróglifos de Peneda Negra e Monte Castelo e unha observación do ceo nocturno, na que se vai a ver a relación existente entre diferentes constelacións e mitos, crenzas e tradicións relacionadas cos petróglifos. Non se necesita inscrición previa para participar na actividade, polo que as persoas interesadas en asistir só deberán estar ás 21.30 horas no miradoiro do Bosque do Peregrino, situado en Ventosa, na parroquia de Covas. Esta actividade estímase que terá unha duración de arredor de tres horas.

“Pedras e Estrelas” combina petróglifos e estrelas. Esta actividade, que se enmarca na programación estival Verán en Ames 2025, está organizada pola Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural. A actividade terá lugar este sábado, 26 de xullo, a partir das 21.30 horas. As persoas participantes partirán andando dende o miradoiro do Bosque do Peregrino, situado en Ventosa, cara os petróglifos de Monte Castelo e da Peneda Negra. Esta visita estará guiada por persoal do Colectivo A Rula.

Os petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo foron descubertos a comezos de século XX por Óscar Lojo-Batalla Sampedro, ex-alcalde amesán durante a II República e que tivo unha estreita relación co patrimonio galego. En 1909 Oscar Lojo conduciu ata estas rochas ao acibecheiro santiagués Enrique Mayer e o debuxante Enrique Campo Sobrino, pertencente á sociedade pontevedresa, quen elaborou debuxos sobre os paneis para a súa exhibición na importante Exposición rexional celebrada en Compostela nese mesmo ano.

Mentres que o recordo da Peneda Negra mantívose, o petróglifo de Monte Castelo non foi redescuberto ata 2015, cando membros do Colectivo A Rula, procurando un acceso alternativo á Peneda Negra, encontraron de novo a rocha e recuperaron parte da súa memoria.

Observación nocturna de estrelas
A continuación, farase unha observación do ceo nocturno, que estará guiada polo experto astrónomo Antón Bouzas. A través desta actividade, vaise ver a relación existente entre diferentes constelacións e mitos, crenzas e tradicións relacionadas cos petróglifos. Deste xeito, coñecerase a relación que existe entre antigas civilizacións, os petróglifos e as estrelas.

Para participar nestas actividades recoméndase levar roupa cómoda e de abrigo, unha manta ou esterilla para deitarse no chan e unha lanterna. Ademais, desde a organización poñerán a disposición dos asistentes varios telescopios. As persoas interesadas deben estar ás 21.30 horas no miradoiro do Bosque do Peregrino, situado en Ventosa, na parroquia de Covas. Esta actividade estímase que terá unha duración de arredor de tres horas.