- Tipo
- Tematica
A edición deste ano das “Noites en Vela” celebrarase finalmente este sábado, 30 de agosto, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Debido á previsión meteorolóxica, que apunta choiva para o sábado, os Concellos de Ames e Negreira decidiron cambiar a localización dos concertos para que se celebren nun espazo cuberto. Esta iniciativa xa estaba prevista inicialmente para o sábado 19 de xullo, pero houbo que cambiar de data debido á previsión de choiva para ese día. Nas “Noites en Vela 2025” actuarán As Maianas e Caamaño & Ameixeiras. Haberá servizo de autobús gratuíto dende O Milladoiro. A actuación de Caamaño & Ameixeiras está subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa Cultura no Camiño 2025. A entrada é de balde ata completar aforo.
As Noites en Vela deste ano terán que cambiar de localización. Debido á previsión meteorolóxica que apunta choiva para este sábado, 30 de agosto, os concertos terán que realizarse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A pesar diso o evento manterá os horarios previstos inicialmente, polo que os concertos comezarán a partir das 21.00 horas.
A actividade está organizada conxuntamente polos departamentos de Cultura dos Concellos de Ames e Negreira. Trátase dun evento que naceu para poñer en valor unha gran paraxe paisaxística e natural como é A Ponte Maceira, e que vincula aos concellos de Ames e Negreira ano tras ano desde a creación desta cita no 2016. Os grupos encargados de amenizar esta edición das Noites en Vela serán As Maianas e Caamaño & Ameixeiras.
Servizo de bus gratuíto
Haberá servizo de autobús gratuíto dende O Milladoiro. Sairá ás 20.30 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas interesadas en empregar este servizo deberán enviar un correo ao enderezo electrónico gabinete@ames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto, ou chamar ao número 881 074 730.
As Maianas e Caamaño & Ameixeiras
A agrupación de cantareiras As Maianas, formado en Ames no 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal.
Pola súa banda, Caamaño & Ameixeiras é un dúo formado en 2018 composto por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras moi ligado tamén á música e baile tradicional. Na actualidade contan con prestixio tanto a nivel nacional coma internacional. Tomando como partida inicial sons populares da nosa terra, este dúo crea pezas de composición propias cun selo moi persoal nas que mesturan o tradicional con recursos máis contemporáneos.
A actividade é de balde ata completar aforo. Para coñecer máis información pódese contactar co Concello de Ames escribindo ao enderezo electrónico gabinete@ames.gal ou co de Negreira, escribindo a marcos.perez@concellodenegreira.es.





