Solapas principales

>XIV Millarock

Viernes, 1 agosto, 2025
A partir das 19.00 horas

O Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo cuarta edición. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Esta cita musical celebrarase o vindeiro 1 de agosto na Travesía do Porto, onde actuarán os grupos Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex. Ademais, por segundo ano consecutivo, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. Como novidade, nesta edición búscase achegar o rock a todos os públicos e ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival. 

O Milladoiro volverá acoller unha xornada que reunirá a bandas consolidadas e emerxentes do panorama musical galego. Desta volta, o festival contará coa presenza de Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex. 

Ademais dos espectáculos musicais, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” estará de novo, a partir das 19.00 horas no Anfiteatro, impartindo diferentes obradoiros dirixidos aos máis pequenos da casa. Contarase con varios sets de teclados, percusións ou guitarras para que a rapazada, xunto coas familias, poidan achegarse ao mundo do rock. 

A música dará comezo a partir das 22.00 horas na Travesía do Porto coa proposta de Ulex, unha banda de mozos formada en Compostela no 2022 integrada por Xian Castro (voz principal e guitarra rítmica), Mónica Fuentes (baixo), Tomás Sánchez (guitarra solista e coros) e Martinho Quintela (batería e voz principal). A agrupación está a presentar o seu primeiro disco “Lonxe de ti”. 

Pola súa banda, Battosai é unha banda de rock alternativo formada en Compostela no 2018 por Héctor (voz, guitarra), Roque (baixo) e Nolo (batería), mais moi vinculados a Ames. Inspirados no rock dos 90 e 2000, así como no punk ou o gringe, veñen de publicar no pasado 2024 o seu segundo traballo, ‘Lágrimas y Milagros’. 

Ruxe Ruxe é unha das bandas referentes do ‘rock do país’, con case tres décadas sobre os escenarios. A pesar da súa longa traxectoria, o grupo está a vivir un momento moi doce, cunha evolución significativa no seu son e abríndose a novas influencias e estéticas. A comezos deste 2025 presentaron o seu novo disco, Xabral, producido de novo por Kaki Arkarazo nos estudios Gárate (Gipuzkoa), un traballo conceptual que están a presentar coa xira Pub Rock. 

Multimedia