- Tipo
O Concello de Ames contará dende o sábado 20 de setembro co seu propio mercado de produtos da horta e artesanía. O acto de inauguración celebrarase este sábado, 20 de setembro, ás 11.30 horas. Este novo mercado celebrarase na praza da Maía, en Bertamiráns, todos os sábados en horario de 10.00 a 13.30 horas. Inicialmente vai contar con 11 postos de produtos frescos e artesanía, pero o prazo para solicitar un espazo neste novo mercado mantense aberto. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado. Ademais de postos de venda haberá cata de produtos, obradoiros de artesanía e cociña e sorteo de produtos. Este sábado haberá unha degustación de froita de tempada e o sábado 27 farase unha demostración de cociña a cargo do chef José Manuel Mallón. Esta iniciativa, enmarcada dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames, pretende fomentar o consumo de produtos de proximidade, dinamizando a economía e a produción local.
Inicialmente vai contar con 11 postos de produtos frescos e artesanía que ofrecerán froitas, hortalizas, conservas e produtos elaborados e de horta, ovos, flores, rosquillas, doces, pan artesán, alimentos ecolóxicos de tempada, cogomelos, artesanía en téxtil, artesanía en encadernación, produtos de ganchillo, bixutería e produtos de artesanía elaborada con produtos de reciclaxe. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado.
Ademais de postos de venda haberá cata de produtos, obradoiros de artesanía e cociña e sorteo de produtos. Este sábado haberá unha degustación de froita de tempada e o sábado 27 farase unha demostración de cociña a cargo do chef José Manuel Mallón, a través do GDR Terras de Compostela. Durante esta primeira xornada do novo mercado tamén se van repartir bolsas da campaña de promoción do comercio local “En Ames témolo todo”.
Trátase dunha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames e que pretende dinamizar a economía e produción local no concello. Ademais, tamén se busca potenciar e reforzar o sector primario dentro da economía amesá, promocionando o consumo de produtos de proximidade.
Solicitude de participación
O prazo para poder montar un posto no novo mercado estará aberto ao longo de todo o ano. A solicitude pode facerse enviando cuberto o impreso de solicitude, que se pode descargar na seguinte ligazón, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, de forma presencial nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro ou a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.
Mercado de rúa os sábados pola tarde
Este novo mercado únese ao tradicional mercado de rúa de Bertamiráns que se celebra os sábados pola tarde nas mesmas rúas que se vén facendo habitualmente: Entrerríos, Ameneiral e no perímetro habilitado na praza do Concello. Así mesmo, o horario continuará sen cambios, sendo en verán de 16.40 a 20.30 horas e no inverno de 16.40 a 19.30 horas.





