Solapas principales

> I Gala da diversidade

Viernes, 2 diciembre, 2022
Ás 18:00 horas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza a primeira Gala da diversidade, que se celebrará o vindeiro venres 2 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas, e que contará con dúas madriñas de excepción, a Fundación IgualArte e a Asociación Potenciemos. A gala, que terá lugar con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional 2022, conmemorado o día 3 de decembro, estará protagonizada polos rapaces e rapazas que integran a asociación para persoas con diversidade funcional Arcea Adames, situada no Milladoiro. 

A inauguración correrá a cargo da compañía Al Lío, que representará un espectáculo de danza clásica. Posteriormente, os integrantes de Arcea Adames estrearán a súa propia función teatral, “Historias”, que conta con poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Federico García Lorca, ademais de textos das persoas da asociación e unha performance guiada por Martha Franco. Para pechar a gala, Ricardo Pardo, da Asociación Potenciemos, pioneira na inclusión sociocultural das persoas con diversidade funcional, presentará o espectáculo de danza moderna “Radiant Killer Riddle”. Ao remate haberá tamén música e petiscos de balde para todas as persoas que se acheguen.

O Concello poñerá a disposición dos asistentes un servizo de autobús a demanda dende O Milladoiro, que sairá ás 17:15 da Casa dos Maiores e ás 17:30 da Casa da Cultura. Para reservar praza ou para pedir máis información pódese chamar ao número de teléfono 683 327 378.