Solapas principales

>A Historia Viva de Ames. Museo das Migrantes

Viernes, 17 abril, 2026
Ás 18.30 horas

Este venres 17 de abril, ás 18:30 horas, terá lugar a conferencia A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes, na Casa da Cultura do Milladoiro, na que se conversará ao redor deste proxecto de Angélica Dass, 7H Cooperativa Cultural e a comunidade migrante de Ames. Intervirán Angelica Dass, Clara R. Cordeiro, participantes do proxecto, e Leonardo Pena, técnico do Concello de Ames. A conferencia é aberta ata completar o aforo dispoñible.

En 2020 o Concello de Ames, 7H Cooperativa Cultural e a artista Angélica Dass xa colaboraron para realizar o proxecto: A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes, unha publicación realizada colectivamente, que contou coa participación de once veciñas e veciños do municipio con raíces en Brasil, Colombia, Cuba e Venezuela. Esta publicación foi editada polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación de A Coruña e 7H  Cooperativa Cultural.

O xornal contou cunha edición de máis de 2.500 exemplares, a través do cal se representan as múltiples identidades que constrúen a idiosincrasia de Ames mediante un relato visual construído, como se dunha exposición impresa se tratase, a partir de diferentes imaxes de obxectos, paisaxes, documentos e personaxes. Nelas plásmanse as historias de vida e experiencias cotiás que as persoas implicadas no proxecto compartiron ao longo de diferentes sesións virtuais, celebradas entre novembro e decembro de 2020, coa creadora Angélica Dass, quen deseñou a proposta creativa co obxectivo de reivindicar a riqueza da diferenza e combater a xenofobia.

O resultado son 64 páxinas que convidan a reflexionar sobre os estereotipos arredor do propio e o alleo. Diferentes lembranzas gardadas en arquivos persoais e álbums familiares dialogan coa vida cotiá das persoas participantes, a través de palabras e de instantáneas realizadas por elas mesmas e polo equipo de 7H Cooperativa Cultural, amosando experiencias e saberes compartidos.