Solapas principales

> Gala de entrega de premios do XX Certame Literario

Viernes, 9 junio, 2023
Ás 20:00 horas

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o venres, 9 de xuño, a gala de entrega de premios do XX Certame Literario do Concello de Ames, a partir das 20:00 horas. O evento será conducido por Josito Porto, que tamén protagonizará un número musical con Sabela Dacal e Rafa Otero. Por outra banda, o grupo de Linguaxe Musical eo Combo Folk da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) tamén ofrecerán unha actuación. Ao acto acudirán os encargados de xulgar os textos presentados ao concurso, Ismael Ramos Castelo, Anna R. Figueiredo e Andrea Porto Mato; así como as persoas premiadas tanto na modalidade de poesía como na de narrativa. 

O xurado da vixésima edición do Certame Literario do Concello de Ames, nunha xuntanza celebrada o pasado 24 de maio, acordou de maneira unánime os textos gañadores de poesía e narrativa do concurso. Este ano recibíronse traballos de Galicia e doutros puntos máis afastados da xeografía, como Madrid, Extremadura ou Polonia. As obras gañadoras proceden dun total de 14 concellos: Negreira, Touro, Sada, Ames, A Coruña, Marín, Teo, Santa Comba, Nigrán, Arteixo, Carballo, Cangas, Lugo e Mos.

En total, resultaron premiadas un total de 18 persoas, entre as distintas modalidades (narrativa e poesía) e as diversas categorías por idades. Preme aquí para consultar a acta da reunión do xurado, cos nomes das persoas premiadas e os títulos das obras. Todos os gañadores recibirán os seus correspondentes premios na gala.