Solapas principales

>Fest for Dent 2025

Sábado, 21 junio, 2025
A partir das 17.00 horas

Ames acolle a cuarta edición do Fest For Dent, un festival solidario cuxa recadación se destina ao estudio da enfermidade de Dent, unha doenza rara que afecta a nenos e que non ten cura a día de hoxe. A investigación desta enfermidade realízase no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, a través do Nefrochus (Laboratorio de Xenética de Enfermidades Renais). A cuarta edición do Fest For Dent celébrase o sábado 21 de xuño, a partir das 17.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.

O IV festival solidario Fest For Dent está organizado pola entidade Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent), Culturactiva, o restaurante Onde Keiras, e o café bar O Novo Faro. Ademais, nesta iniciativa colaboran os Concellos de Ames e Brión e Xuntanza de Empresarios de Ames. Este ano o festival celebrarase no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, o sábado 21 de xuño, a partir das 17.00 horas. Para aquelas persoas que non poidan asistir ao festival e queiran colaborar existe unha Fila 0.

Este ano cóntase coa actuación de Paco Nogueiras, o Mago Iván, Tambukada, Son Elas, Retranqueiriños, Mary Iglesias, As Maianas, e Dos Hombres y Tercio. A entrada para este festival é de balde e estará presentado por Leti da Taberna. Durante o festival realizarase un gran mural colaborativo en directo con Llou Insidias (artista plástica) e haberá actividades para nenos/as, de 17.00 a 20.30 horas, gracias á colaboración da empresa Biosbardos Animación.

Haberá cantina con comida e bebida gracias á colaboración do restaurante Onde Keiras e do café bar O Novo Faro. Tamén está á venda rifas solidarias a 2 euros nos establecementos colaboradores e o propio día do festival. Sortearanse 7 premios doados polos establecementos hostaleiros: Parrillada Milongas; Asador Abelleira (Brión); Mesón Vaca Vella; Pizzería Sicilia in Bocca; Mesquiteira; Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA); e Brión Dental. Os sorteos terán lugar ese mesmo día a partir das 20.00 horas, en dúas quendas, ata atopar un premiado presente.

Berta Tapeo solidario
Por outra banda, este ano ponse en macha por primeira vez unha nova iniciativa solidaria denominada “Berta Tapeo solidario”. Vaise a desenvolver do 13 ao 20 de xuño en 4 establecementos de Bertamiráns (Onde Keiras, Street Garden, Sicilia in Bocca, e Petiscos). Estes catro establecementos hostaleiros terán unha tapa solidaria cada un, que terá un custo de 2,50 euros. O diñeiro recadado entre a clientela será destinado a apoiar a investigación da enfermidade de Dent. O horario no que se poderá degustar as tapas solidarias será de 12.30 a 14.30 e de 20.30 a 22.00 horas.

Actuación solidaria de Abraham Cupeiro
Ademais da programación do propio festival, nesta edición contouse cun concerto a cargo de Abraham Cupeiro, un artista coñecido polo seu estudio de instrumentos tradicionais de todo o mundo. Cupeiro ofreceu o concerto “Resoando no pasado” o pasado venres, 30 de maio, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, que foi un éxito xa que se esgotaron todas as entradas dispoñibles. A través da venda de entradas e de discos de Cupeiro recadáronse 4.500 euros. 

Multimedia