- Tipo
- Tematica
O departamento de Bibliotecas municipais de Ames organiza unha nova edición dos Encontros Literarios. Estas presentacións, que serven para dar a coñecer novas autoras, autores e proxectos literarios á veciñanza amesán, contaron cunha ampla participación ao longo das edicións de 2021 e 2022.
Este xoves, 14 de decembro, Carlos Negro presenta “O tempo dos lagartos”, editado por Galaxia. A fenda, as escamas, a metamorfose; este libro intenta ser un punto de sutura entre un tempo clausurado e unha expectativa de cambio; desa crise abrollan imaxes e palabras nun acto de supervivencia que transforma o amor nun dente de león a voar polo aire, porque medrar manca a pel, a casa, os adentros.
Carlos Negro (Lalín, 1970) é docente e escritor. A través da poesía, leva case trinta anos a indagar sobre si mesmo e sobre o mundo que o rodea; alén diso, é un recitador ambulante que percorre os institutos contándolle á rapazada que dentro de cada ser humano hai un verso que agarda por saír.