Solapas principales

> Encontros literarios: "Mitos e lendas da vella Grecia"

Jueves, 8 junio, 2023
Ás 20:30 horas

O xoves, 8 de xuño, terá lugar un novo encontro literario, organizado polo departamento de bibliotecas do Concello de Ames, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Desta volta, a protagonista será Anisia Miranda, autora do libro “Mitos e lendas da vella Grecia”, publicado en 1966 e reeditado pola editorial Galaxia. Sobre a obra e a autora falarán Fernando Redondo Neira, xornalista, docente e presidente da Fundación Xosé Neira Vilas; e Xosé Antonio López Silva, crítico, autor e experto en cultura clásica.

“Mitos e lendas da vella Grecia” contou cunha primeira edición en castelán (Cuba, 1966), e foi traducida ao galego por Xosé Neira Vilas no 1983. Anisia Miranda ofrece, a través da obra, unha selección dos principais deuses e heroes do Olimpo, de antigas crenzas e lendas que conforman a base da cultura e da mitoloxía da Hélade, alicerce da occidental, coa pretensión de achegala á xente nova nos seus aspectos máis fundamentais. Todo dun xeito ameno, didáctico e fluído. 

Anisia Miranda (Ciego de Ávila, 1932 – Vila de Cruces, 2009) foi unha escritora cubano-española en lingua española e galega. Miranda, filla de emigrantes galegos, estudou Maxisterio e Xornalismo, e conta cunha extensa bibliografía ás súas costas, entre a que se inclúen obras para adultos e para a infancia e a xuventude. No ano 1957 fundou, xunto con Neira Vilas, a editorial e distribuidora de libros Follas Novas.

A autora e a súa obra serán presentadas por Fernando Redondo Neira e Xosé Antonio López Silva. Redondo é licenciado en Ciencias da Comunicación, e docente de Xornalismo e Comunicación audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, é membro da Asociación Española de Historiadores do Cinema, así como da Asociación Galega de investigadores da Comunicación. No ano 2019 foi nomeado presidente da Fundación Xosé Neira Vilas.

López Silva é catedrático de latín na ensinanza secundaria. Ten colaborado como investigador para diversas institucións, como o ILGA (Instituto de Lingua Galega asociado á USC). Así mesmo, traballou como tradutor, crítico e crítico literario de diversas obras grecolatinas, de literatura española, galega ou en lingua inglesa.