- Tipo
- Tematica
O próximo xoves, 18 de decembro, o Pazo da Peregrina acolle ás 20.00 horas unha nova presentación dentro do marco dos Encontros Literarios, organizados polo departamento de Bibliotecas Municipais de Ames. Nesta ocasión será a quenda de “Las verdades incómodas de la transición energética”, de Manuel Casal Lodeiro. Durante a presentación tamén intervirá Rosa María Regueiro Ferreira, profesora de economía aplicada na USC. Coma sempre nestas sesións, a entrada será de balde ata completar aforo.
O departamento de Bibliotecas municipais de Ames retomou a comezos do pasado mes de outubro as sesións do programa “Encontros Literarios”, unha das súas propostas con mellor acollida. Desta volta, Manuel Casal Lodeiro presenta a obra “Las verdades incómodas de la transición energética”, da editorial Icaria, e que conta cun prólogo de Xoán R. Doldán García.
A obra ofrece unha mirada en perspectiva da Transición Enerxética e como esta se formula como un problema sistémico da nosa cultura que necesita dunha configuración profunda e rápida para unha adaptación da nosa especie aos fluxos de enerxía procedentes do sol.
Sinopse do libro
O obxectivo principal deste libro é expoñer as verdades incómodas que achega a Transición Enerxética, analizando de maneira crítica certas políticas “verdes” establecidas en democracias liberais, chegando á conclusión de que son irreais, tecno-optimistas, contraditorias coa evidencia empírica ou incompatibles con outros obxectivos necesarios.
A Transición Enerxética propón un descenso do consumo de combustibles fósiles, debido ao seu gran impacto no medio ambiente. Esta idea implicou o desenvolvemento de medios alternativos para a obtención de enerxía, como as enerxías renovables (eólica ou fotovoltaica, por exemplo). Non obstante, o autor retracta como durante a historia as Transicións Enerxéticas nunca supuxeron a eliminación da fonte de enerxía anterior, polo que a formulación da transición non cumpre o obxectivo de poñer un límite á crise climática.
A obra destaca pola súa natureza interdisciplinar, estando ben documentado tanto científica como filosoficamente, achegando datos, gráficas e táboas que fundamentan de maneira contundente as posicións defendidas polo autor. Ademais, ten un marcado carácter divulgativo que o fai preciso para o alcance de todos os públicos.
Sobre o autor
Manuel Casal Lodeiro é coñecido polo seu labor no eido político, cultural e social. Criado no Barakaldo dos anos 70, é un divulgador de propostas ecoloxistas nun contexto de desastres producidos polo uso desmedido de enerxías non renovables.
Durante a súa vida promoveu diversos proxectos como Véspera de Nada para unha Galiza sen Petróleo, así como fundou e coordinou a revista 15/15\15, un medio de comunicación independente que buscar contribuír á construción dunha nova cultura orientada ás necesidades humanas.
Tamén escribiu diversos artigos como “Si vis pacem, para descensum” ou “Nosotros, los detrívoros”, nos que busca informar sobre a necesidade dun modelo de vida compatible coa supervivencia e a boa vida da especie humana.





