- Tipo
- Tematica
Neste mes de outubro retomouse o programa de Encontros Literarios, que organiza o departamento das Bibliotecas municipais de Ames. Nesta ocasión, será a quenda da luguesa Ana Valín, que estará a presentar a súa obra de poesía “En las latitudes de un miedo políglota” este xoves, 22 de outubro. A autora estará acompañada por José Antonio García López, finalista do Slam Poetry Bóveda 2025. Como vén sendo habitual, a presentación será no Pazo da Peregrina, ás 20.00 horas. A entrada será libre ata completar aforo.
O departamento de Bibliotecas municipais de Ames puxo en marcha neste mes de outubro unha nova edición do programa “Encontros Literarios”, unha das súas propostas con mellor acollida. Desta volta, Ana Valín estará a presentar a súa última obra “En las latitudes de un miedo políglota”, editado pola editorial Loto Azul.
Sobre ‘En las latitudes de un miedo políglota’
Ana Valín García (Lugo, 1980) é unha escritora e mestra galega que, no 2016, publicou a súa primeira obra “El vals de las hormigas”, unha novela surrealista na que o eixo central son as analoxías coas películas de Wes Andersen. No pasado 2024 publicou o seu primeiro poemario “La muerte de Alicia (o el ocaso)”, que tamén presentou nos Encontros Literarios, unha obra de corte intimista no que a autora plasma as súas vivenzas tras sufrir unha depresión postparto.
Desta volta, presenta outro poemario, “En las latitudes de un miedo políglota”, onde a autora reflicte a través da poesía diferentes aspectos dun sentimento tan presente en tódolos ámbitos e en todas as persoas, dun xeito ou outro, como é o medo. Así, Ana Valín pretende combater os nosos temores cos seus versos.





