- Tipo
- Tematica
O departamento de Bibliotecas amesán acolle esta semana dúas novas presentacións de libros, achegando un mes máis novos proxectos literarios á veciñanza. O xoves é a quenda da escritora Sica Romero, que vai presentar a súa primeira novela, “Avelaíñas Eléctricas”, a historia de dúas rapazas que intentan fuxir dos seus lobos e das súas sombras. Esta será a última presentación deste curso.
As Bibliotecas de Ames pechan este ciclo de presentacións o xoves 16 de xuño coa obra “Avelaíñas eléctricas” da escritora Sica Romero. “Avelaíñas eléctricas” trata con delicadeza e agarimo distintos temas universais e ancestrais, como a violencia, o amor, a amizade, a responsabilidade, a ética, o sexo e a sexualidade, a discriminación, a diferenza, as drogas ou as adiccións.
Este libro é ademais o primeiro traballo de nêspera. Néspera editora é un proxeto independente con sede en Ames, creado neste ano 2022 por tres socias: Vanessa Rodríguez, Breixo Parcero e Samuel Baltar. Nace coa idea de publicar obras orixinais en galego, coidadas e traballadas, tanto en contido como en forma, independentemente do seu xénero, do seu tema, e da idade e tipo de lectora á que se dirixen.
A experiencia persoal e laboral de Sica Romero estivo sempre relacionada coa literatura e coa arte. Afeccionada ós libros dende ben pequena gradúase en Historia da Arte e despois cursa dous mestrados: en “Xestión de Patrimonio, Museos e Mercados”, e en “Formación de profesorado, Especialidade-Xeografía e Historia”. Compaxinou estes estudos cos traballos de bibliotecaria, auxiliar de sala en museos, guía de exposicións, correctora ortotipográfica e investigadora para a edición de libros.
Ao acto de presentación de “Avelaíñas eléctricas” contará coa participación do alcalde de Ames, Blas García; da concelleira de Cultura, Natividade González; de Sica Romero, autora; de Montse Montaos, xornalista e guionista; de Helena Pérez, Vanessa Rodríguez e Samuel Baltar, de nêspera editora.