Solapas principales

>"Desexo" de Talía Teatro

Viernes, 10 octubre, 2025
Ás 20.30 horas

O outono chega cunha ampla programación cultural a Ames, dirixida para todos os públicos. Ao longo dos vindeiros meses de outubro e novembro, a veciñanza poderá gozar de diferentes propostas de teatro, danza, cine ou música que se desenvolverán nas localidades de Bertamiráns e no Milladoiro. As entradas poden adquirirse a través da Billeteira Electrónica. A programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e Turismo de Galicia, e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Coa chegada do outono, volven as artes escénicas a Ames. Así, retómase a programación do Ames Cultural para os derradeiros meses do ano. Nesta ocasión, abrirá o programa a peza teatral “Desexo” de Talía Teatro, que se representará no auditorio do Milladoiro este venres, 10 de outubro, ás 20.30 horas. A obra, dirixida por Diego Rey, está dirixida a un público maior de 12 anos. 

Ademais deste pase para público xeral, o venres tamén haberá unha sesión previa para o alumnado de 1º de Bacharelato do IES do Milladoiro, que terá lugar ás 12.00 horas. 

Sinopse de “Desexo”
Este espectáculo fai unha reflexión, a través do humor e un enfoque amable, da problemática arredor da pornografía e a falta de educación afectivo-sexual coa que, sobre todo a mocidade, se convive na actualidade. Deste xeito, os dous intérpretes da peza, Marta Ríos e Dani Trillo, expoñen diferentes situacións relacionadas co sexo e as relacións, invitando ao público a unha profunda reflexión.  

Como foi a nosa educación sexual? Estamos preparados para ter unha sexualidade sa? Sabemos como afrontar as nosas relacións? Somos capaces de educar ás próximas xeracións? Onde aprendemos o que sabemos sobre sexo? Na pornografía? Nas redes sociais? E que consecuencias ten formarse así? Intentemos fixarnos nas publicacións, na música, na publicidade... Vivimos na sociedade do desexo, a máis sexualizada da historia, pero na que todas estas cuestións seguen a seren tabú. deseXo é un xoguete cómico que afonda en todo isto, porque xa vai sendo hora de falar claramente sobre sexo.

Sobre Talía Teatro
Talía Teatro é unha compañía galega creada no 1988 e que, dende o primeiro momento, creou un estilo único e diferencial de facer teatro no que pretenden realizar un teatro de calidade e comprometido co público. Tras máis de 3 décadas sobre os escenarios, é un dos grupos teatrais máis recoñecidos e premiados da escena galega actual.