- Tipo
- Tematica
A Escola Municipal de Música de Ames celebra mañá, mércores 18 de xuño, o seu concerto de fin de curso, unha cita na que o alumnado interpretará diferentes pezas musicais para poñer así peche final a este ano escolar. O recital terá lugar a partir das 19.30 horas na pista de fútbol sala do Milladoiro. Deste xeito, con motivo desta celebración, a pista de fútbol quedará pechada dende ás 8.00 horas do martes, 17 de xuño, ata as 14.00 horas do vindeiro venres, día 20.
O concerto dará comezo coa actuación do grupo de linguaxe musical, que interpretará a peza “Vai de canon”. De seguido, será a quenda da agrupación de música e movemento, que cantarán o tema “O noso aniversario”, de creación propia, e “O pesiño”, en colaboración Sax Proyect.
A continuación, a agrupación de violín, Jóvenes Águilas, interpretará a peza “Doraemon”. Pola súa banda, a agrupación de guitarras tocará dous temas, “Isn’t She Lovely” e “Iago’s Blues”.
Tras estas primeiras catro actuacións, o combo infantil interpretará un clásico como é “Por la Boca Vive el Pez”. Tras eles, o combo de voces tocará “Belong Together”.
Posteriormente será a quenda das gañadoras amesás do certame ‘Quero Cantar’, Emma e Candela, que desta volta actuarán cun tema clásico como é “Creep” a voz e piano. Polo seu lado, a agrupación de violín, interpretarán “Leyendas de pasión” e “All Of Me”.
O combo family interpretará “How to save a life”, cunha batería, teclado, guitarra e voz. Por outra parte, a agrupación Sax Proyect tocará o recoñecido éxito “Eye of the tiger” cun baixo, percusión e catro saxos. Continuará o combo Nunca e tarde con dous temas “Have you ever seen the rain” e “Everybody needs somebody to love”.
Pola súa banda, o combo da EMMA escolleu dúas pezas para interpretar no recital: “Wanna be” e “This is Me”, con dous teclados, dúas guitarras, batería e percusión, coro e voz principal.
As dúas últimas agrupacións en actuar serán o combo xuvenil, con “Bam bam” e “There’s Nothing Holding Me Back”, e Extrema Función, que pecharán o festival coas cancións “You Shook Me All Night Long Pop” e “My Way”.
