- Tematica
O adro de San Xoán de Ortoño acollerá este venres, 30 de decembro, ás 17:00 horas, un concerto de campás ofrecido pola Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, “As campás, o son do Camiño”. Así mesmo, o investigador Estanislao Fernández de la Cigoña ofrecerá unha charla sobre a historia das campás, mentres que José Enrique López Ocampo, fundidor de campás, explicará o seu proceso de fabricación.
No recital interpretaranse numerosos toques empregados polos campaneiros ao longo da historia: dende os máis habituais, como os utilizados nas eucaristías, ata os máis tradicionais, que actualmente están fóra de uso, como os que regulaban a vida civil ata o século XX. Deste xeito, os integrantes da asociación reproducirán o toque de alba, o de Ángelus, ou o de lume, entre outros, simbolizando os momentos nos que as campás indicaban, por exemplo, o momento de erguerse ou de facer unha parada na xornada de traballo; pero tamén outros máis específicos, como unha emerxencia ou a chegada dunha tormenta.
Por outra banda, ofreceranse dúas charlas duns quince minutos cada unha. A primeira delas, a cargo de Estanislao Fernández de la Cigoña, versará sobre a historia das campás. Fernández de la Cigoña, naturalista e investigador, foi fundador e presidente da Asociación Galega para a Cultura e Ecoloxía, e os seus achegamentos nos ámbitos da natureza e a etnografía galega son de gran valía. En concreto, ao longo da súa carreira profesional ten feito especial fincapé nas mostras de iconografía relixiosas e no seu impacto no territorio galego.
Seguidamente, José Enrique López Ocampo, último fundidor de campás de Galicia, explicará como é o seu proceso de fabricación, dende a creación con barro e bronce ata a colocación no campanario. Ocampo, descendente dunha familia de Arcos da Condesa adicada á fundición de campás dende o século XVII, mantén na actualidade o último dos talleres artesanais de fabricación de campás que existe en España.