Solapas principales

>Clausura das Escolas deportivas municipais

Sábado, 31 mayo, 2025
A partir das 16.30 horas

O curso 2024-2025 das escolas deportivas municipais chega ao seu fin. Como cada ano, celebrarase un evento de clausura no que os rapaces e rapazas poderán amosar o aprendido ao longo destes meses nas actividades que participaron. O acto terá lugar este sábado, 31 de maio, a partir das 16:30 horas, na área deportiva do Milladoiro. Trátase dun evento familiar e festivo, que estará aberto a todas as persoas que desexen asistir. A xornada está organizada polo departamento de Deportes do Concello de Ames.

Este ano, a festa de clausura das escolas deportivas volverá a celebrarse na área deportiva do Milladoiro. No pavillón deportivo haberá actividades en dúas zonas diferentes: na pista e no anexo do pavillón. Por outra banda, haberá tamén unha exhibición ou ben na pista cuberta ou na pista exterior do IES do Milladoiro.

As actividades comezarán ás 16:30 horas, na pista do pavillón, coa exhibición de baile moderno, que rematará ás 16:50. A esa mesma hora arrincarán os rapaces e rapazas de judo, e a súa mostra finalizará arredor das 17:10 horas. A mostra de ximnasia rítmica desenvolverase entre as 17:10 e as 17:30 horas. 

Posteriormente, de 17.30 a 17.45 e de 17.45 a 18.00 haberá unha mostra por parte do alumnado de fútbol sala feminino e fútbol sala mixto do Milladoiro.  De 18.00 a 18.15 haberá outra exhibición de fútbol sala, neste caso por parte do grupo mixto de Bertamiráns. As actividades na pista do pavillón rematarán cunha mostra de baloncesto de 18.15 a 19.30 horas.

Paralelamente, no anexo do pavillón do Milladoiro estaranse desenvolvendo diferentes partidas de xadrez, que darán comezo ás 17:30 horas e rematarán arredor das 18.15 horas. Para rematar, haberá tenis a partir das 17:30 horas e ata arredor das 18:15 horas. Será na pista cuberta ou na exterior do IES do Milladoiro, en función da meteoroloxía.