- Tematica
A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir unha nova charla no concello de Ames. Neste caso vaise abordar a problemática dos defectos de fábrica nos automóbiles. A charla informativa será este mércores, 2 de xullo, ás 20.30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Esta actividade enmárcase no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).
No marco do convenio de colaboración entre a Union de Consumidores de Galicia e o Concello de Ames, o mércores, 2 de xullo, ás 20.30 horas, vaise impartir unha charla sobre a problemática dos defectos de fábrica nos automóbiles.
A problemática que está a xurdir con respecto ás graves avarías que están a sufrir algúns vehículos do grupo STELLANTIS, con orixe nun desgaste prematuro da correa de distribución, que fai que esas reparacións supoñan un custo excesivo e inxusto para un vehículo de poucos anos, pero que se atopa fóra do período de garantía.
Nesta sesión informativa, tratarase de lanzar luz sobre a orixe desa avaría, as solucións ofrecidas por STELLANTIS, e as posibilidades legais que teñen os consumidores. Tamén se verán as opcións que existen en casos similares, pero se o noso coche pertence a outro grupo.
Servizo da UCGAL en Ames
Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade, é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Deste xeito poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.





