- Tematica
O vindeiro xoves, 12 de outubro, vaise realizar unha andaina e xantar popular que se enmarca dentro da programación do centenario do Seminario de Estudos Galegos. A andaina discorrerá entre Compostela e Ortoño, emulando a andaina fundacional que realizaron algúns dos membros do Seminario de Estudos Galegos hai 100 anos.
A ruta «Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos» partirá da Alameda compostelá o vindeiro xoves, 12 de outubro, ás 9.00 horas. Ás 10.30h farase unha parada técnica para que o grupo de participantes se poida reagrupar. A chegada a Ortoño está prevista para as 12.30 horas aproximadamente. Ás 13.00 horas haberá un acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e unha ofrenda floral diante da placa de fundación do Seminario de Estudos Galegos na casa de Rosalía en Ortoño. As prazas para a andaina están completas, polo que a inscrición xa está pechada.
A continuación, todas aquelas persoas que o desexen poderán participar nunha romaría na que haberá un xantar popular amenizado con música tradicional. Deste xeito, ao mediodía haberá un polbeiro no campo da festa de Ortoño que ofrecerá o seguinte menú: empanada, polbo, carne ao caldeiro, bebidas, postre e café. O prezo do menú é de 30 euros por persoa. Haberá servizo de transporte de retorno en autobús ás 14.00 horas para as persoas que non participen no xantar e ás 17.00 horas para as persoas que participen na romaría.
As persoas que estean interesadas en participar no xantar popular teñen que anotarse con antelación (antes do día 10 de outubro) e facer o pagamento. As persoas que estean interesadas en participan no xantar popular poden inscribirse premendo nesta ligazón. Tras completar o proceso facilitarase un recibo que acredita o pagamento. O recibo hai que levalo e presentalo á entrada do recinto. Para participar non é preciso ter feito o percorrido a pé desde Santiago. Todas as persoas que o desexen poden comer nesta festa e celebrar o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos.