- Tipo
- Tematica
Durante 2025 estase celebrando o Ano Castelao polo 75 aniversario do seu pasamento. Deste xeito, o Concello de Ames tamén se suma a dita homenaxe cunha programación de actividades específica que comezou coa exposición dunha reprodución do cadro “A derradeira leición do mestre” nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. A programación en Ames con motivo do Ano de Castelao continuará o 19 de setembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, coa representación do espectáculo Castelao, de Culturactiva Producións.
Neste espectáculo ponse en valor a figura de Castelao, que é unha figura capital da historia das artes en Galicia e non contaba ata agora cunha proposta escénica para a infancia. A obra, dirixida por Fina Calleja, presenta un Castelao de 8 anos na súa vila natal, divertido, ledo e aventureiro, que busca interactuar coa audiencia en todo momento.
Culturactiva Producións propón unha montaxe de ritmo trepidante. A tensión dramática desta peza cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida de Daniel cara a Arxentina. Da man de Baltasara, comezará un percorrido emocionante, condicionado pola urxencia e a inminencia da viaxe. Durante o espectáculo, protagonizado por Mónica Caamaño e Cris Collazo, Castelao debe resolver co seu enxeño e dialéctica os misterios da vila mariñeira.
