Solapas principales

>Pepo Suevos: monólogo "Á caída"

Viernes, 25 septiembre, 2026
Ás 20.00 horas

O Concello de Ames, de man da asociación Alcer Coruña, organiza o vindeiro venres, 25 de setembro, o monólogo solidario “Á caída”, do humorista veciño de Ames, Pepo Suevos. O evento, que se desenvolverá desde as 20.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá un carácter solidario a favor da doazón de órganos. O donativo será de 10 euros e poderá facerse a reserva a través do enderezo de correo electrónico eventossolidarios@alcercoruna.org ou chamando ao teléfono 670 339 066. 

Trátase dunha xornada de humor e diversión pensada para todos os públicos que ten como obxectivo principal manter e impulsar as actividades de sensibilización que Alcer Coruña realiza no día a día en materia de doazón de órganos. A iniciativa demostra que falar dun tema tan vital tamén se pode facer desde a cultura e a unión comunitaria.

Pepo Suevos será o encargado de amenizar esta xornada solidaria. O actor, humorista e guionista veciño de Ames presenta o monólogo “Á caída”, un espectáculo de Ainé Producións que xira arredor dos límites do humor que conta tamén con momentos de improvisación e interacción directa co público. Un show aberto, atrevido, arriscado e moi divertido. 

Para facer a tarde máis dinámica, durante o evento haberá rifas solidarias. Ademais, para aquelas persoas que desexen colaborar coa causa pero non poidan asistir de xeito presencial, habilitouse a opción de achegar o seu gran de area mediante Bizum a Alcer Coruña no 05242.

As entradas xa están dispoñibles de forma anticipada nos seguintes puntos colaboradores: Secretos del Tocador (Bertamiráns), Libraría Nenos e Nenas (Milladoiro). Tamén é posible reservalas chamando ao teléfono 670 339 066 ou a través do correo electrónico eventossolidarios@alcercoruna.org. Desde a organización anímase a todas as persoas a sumarse a este espazo de encontro e risas: un pequeno xesto que axuda a visibilizar unha causa que salva vidas.

Alcer Coruña
A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, Alcer Coruña, ten como obxectivo prestar atención psicosocial e mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal e aos seus familiares na provincia de A Coruña. Ademais da atención, asesoramento e intervención con persoas con enfermidade renal, entre os obxectivos da entidade tamén está a sensibilización á cidadanía sobre a doazón de órganos e a importancia dos hábitos de vida saudable para o coidado da saúde renal.