Solapas principales

>BenQuerer

Viernes, 6 noviembre, 2026
Ás 20.30 horas

Continúa a programación de outono do Ames Cultural durante o mes de novembro, este venres 6 de novembro, co espectáculo de danza BenQuerer, da compañía galega Fran Sieira, e que ademais estará acompañado por música en directo do dúo Caamaño&Ameixeiras. A función comezará ás 20.30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas xa están á venta na Billeteira. Este espectáculo está subvencionado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A compañía de danza de Fran Sieira chega este venres ao concello de Ames para representar o seu último traballo BenQuerer, un espectáculo íntimo que pon o foco na importancia do autocoidado emocional e no amor propio nun mundo que cada vez máis máis rápido e é máis esixente.

A compañía, que botou a andar no ano 2017, pretende, basea o seu traballo nunha reinterpretación contemporánea do folclore galego. Deste xeito, estuda o movemento a través da danza tradicional e emprégaa como o seu medio de expresión, creando unha linguaxe de movemento vangardista, pero que ao tempo non esquece as raíces galegas e reflicte a nosa herdanza. Os espectáculos de Fran Sieira adoitan xirar en torno a achegar ao público proxectos artísticos cunha misión social para concienciar socialmente sobre determinadas cuestións.

BenQuerer
Benquerer, querer ben ou quererse ben son algúns dos termos nos que afonda o novo espectáculo do bailador Fran Siera, un só de danza acompañado en directo polo dúo galego Caamaño&Ameixeiras, que está subvencionado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña. BenQuerer é unha peza íntima e emocional que conecta co cotiá, co día a día, e cos nosos procesos de adaptación ante os cambios. Reflexiona sobre como en ocasións asumimos máis do que, quizais, nos pertence. Non fala da felicidade permanente, nin de estar sempre ben: fala de aceptar os momentos nos que o corpo di basta, de coidarse e de aprender a poñer límites.

Nun mundo de constante cambio, nun sistema que premia producir, avanzar, continuar, … podemos permitirnos parar? Podemos mostrarnos vulnerables, sen medo ao xuízo ou a ser vistas como fráxiles?

Desde as marxes e sempre con perspectiva de xénero esta nova proposta de Fran Sieira ofrece o resultado dun proceso creativo persoal e íntimo, onde a través do seu propio relato convida a reflexionar sobre a importancia do autocoidado emocional, o amor propio e o respecto a un mesmo.

Caamaño&Ameixeiras
Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras forman Caamaño&Ameixeiras dende o ano 2018, un dúo moi arraigado na música e o baile tradicionais. Tomando a tradición como punto de partida, o dúo constrúe unha linguaxe propia e única a través de composicións e arranxos vibrantes e persoais que interactúan organicamente con ela, preservando a esencia da música folk á vez que incorpora elementos contemporáneos.

Nos últimos anos, o dúo foi partícipe de lanzamentos e colaboracións con artistas destacados das escenas musicais galega e española, como "Catro cousas" co artista asturiano Rodrigo Cuevas (2024), "Arderse" con Fillas de Cassandra (2025) e "Ghatiña mansa" con Tanxugueiras (2025). En xuño de 2025 recibiron o Premio á Mellor Canción en Galego na 2ª Edición dos Premios da Academia Española de Música, consolidando aínda máis a súa presenza internacional.