- Tipo
- Tematica
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza para este mes de maio un percorrido pola terceira etapa do camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. A ruta realizarase o vindeiro sábado, 27 de maio. Os participantes camiñarán arredor de 14 quilómetros, partindo dende a praza Porta do Sol (Ribeira) e chegando ata a Pobra do Caramiñal. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, día 24, ás 14:00 horas. Ofrécese servizo de autobuses dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:15 horas. Hai 70 prazas dispoñibles e teñen prioridade as persoas empadroadas en Ames.
Nesta ocasión, os participantes sairán da igrexa de Santa Uxía, e, tras percorrer o casco urbano de Ribeira, chegarán ao paseo e á praia das Carolinas, e posteriormente a de Coroso. Posteriormente, alcanzarán a punta Lucías, onde gozarán dunhas extraordinarias vistas á ría de Arousa. Seguidamente, a ruta levará aos camiñantes ata a praia do río Azor.
Posteriormente, pásase polo miradoiro de Castelo, e avánzase por unha zona de dunas e bosque, ata chegar á praia Laxe e praia Lombiña. Unha vez chegados a ese punto, os camiñantes estarán xa no municipio da Pobra.
Na última fase da ruta, descubrirán o paseo marítimo da localidade e o seu casco histórico.