- Tipo
- Tematica
Os concellos da Ruta Rosaliana (Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela) organizan para o Día Internacional da Muller a andaina “Rosalías da Vida” que terá unha distancia de 20 quilómetros. A saída será dende Lestrobe, en Dodro, ás 9.00 horas, e rematará as 18.00 horas coa chegada ao acto institucional que se realizará na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Os/as participantes de Ames uniranse á andaina en Padrón, na praza de Rodríguez Cobián, ás 9.30 horas. Haberá dous puntos de avituallamento, en Padrón e no Milladoiro. O obxectivo é conmemorar o 8M tendo presente a Rosalía de Castro, unha muller que marcou un antes e un despois na nosa historia.
Dende Ames haberá servizo de autobuses tanto para ir a Padrón, como para saír dende O Milladoiro, ás 16.00 horas. Neste caso o servizo de autobús será dende Bertamiráns ata O Milladoiro. Así, ás 8.15 horas haberá parada na Capela de Santa Minia en Brión, 8.30 horas dende a praza da Concello de Bertamiráns e ás 8.45 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén haberá servizo de autobuses para o regreso, dende a dársena de Xoán XXIII, ao rematar os actos.
É unha andaina tranquila, apta para todos os públicos. Recoméndase levar algo para o xantar. Así, arredor das 13.00 horas, en Parada de Francos, farase un descanso dunha hora para comer.
Para formalizar as inscricións, pódese enviar un correo electrónico a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal ou chamando ao número 981 890 964. O prazo de inscrición está aberto ata o 5 de marzo.