- Tematica
Por cuarto ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames, colaboran para organizar 10 días de festexos no cartel “Ames en Festas 2025”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do venres 1 ao martes 5, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do mércores 6 ao domingo 10 de agosto. Estarán presentes en Ames as mellores orquestras de Galicia: Panorama, Olympus, Os Satélites, América de Vigo, Cinema, Assia, Metrópolis, Charleston e Compostela. En tódalas xornadas de verbena contarase con djs, coma Kike Varela ou Sergio Telmo, e disco móbiles. Ademais, o parque do Ameneiral contará con varias actuacións musicais: Mondra, a celebración do Festival Emerxente e o Ameneiral Romaría Urbana. Así mesmo, continuando coa estela do ano pasado, volverá a haber dous pregóns, un no inicio das festas do Milladoiro, o sábado 2 de agosto, e outro no peche das festas de Bertamiráns o domingo día 10.
Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, volven a celebrar un ano máis as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación que encadea 10 días seguidos de troula dende o venres 1 ata o domingo 10 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que este ano colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames.
Deste xeito, ao longo destas 10 xornadas festivas, haberá propostas musicais para todos os públicos e gustos, nos que actuarán as mellores orquestras da verbena galega pero tamén haberá oco para os artistas e grupos emerxentes ou o pop e rock, entre outros xéneros musicais, en galego.
Romaría urbana
Ademais, como parte das festas da Peregrina, celebrarase a unha nova edición da Romaría Urbana, que terá lugar no parque do Ameneiral o sábado 9 de agosto. Comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de Tabernarias, Arde, Luis Fercán, Monoulious Dop e Biribirlocke.
Ao longo de toda a xornada haberá diferentes postos para poder xantar, obradoiros, inchables para os máis pequenos e moita música en directo. A través desta iniciativa, trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns para que a veciñanza poida gozar desta romaría e motivando así ao consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade.





