- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, organiza un ano máis unha programación específica para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. A programación comeza coa entrega nos colexios de infantil e primaria de lotes de libros sobre o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O martes 25 darase lectura ao manifesto institucional na praza do Concello e contarase coa actuación musical de Belén Tajes. O venres 28 de novembro celebraranse as Xornadas Achégate á Igualdade, que se desenvolverán na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, o venres 28 o alumnado do instituto de Bertamiráns participará nunha actividade de formación sobre anti-bulling con defensa persoal.
Un ano máis, Ames acolle unha serie de actividades con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora o vindeiro martes 25 de novembro. O obxectivo desta programación é poñer o foco na concienciación sobre a violencia machista e as súas consecuencias. As actividades comezan coa entrega de lotes de libros sobre o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller nos colexios de infantil e primaria de Ames.
Acto conmemorativo do 25N
O martes 25 de novembro, ás 11.00 horas, celebrase un acto conmemorativo na praza do Concello, en Bertamiráns, coa lectura do manifesto institucional diante da Casa do Concello. A continuación, contarase coa actuación musical de Belén Tajes.
Por outra banda, o venres 28 de novembro celebrarase a décimo quinta edición das Xornadas Achégate á Igualdade, que se desenvolverán na Casa da Cultura do Milladoiro. A xornada é gratuíta con aforo limitado. Está aberta a todo público interesado, dende profesionais da área ata público xeral, pasando por educadores e educadoras, alumnado, docentes, área da psicoloxía, da orientación, profesionais da administración pública, pais e nais. Para participar hai que inscribirse no enderezo electrónico: xornadasachegate@gmail.com. Premendo neste enlace podes descargar o programa completo das xornadas.
Ademais, ese mesmo día, o venres 28 de novembro, a partir das 10.00 horas, o alumnado do instituto de Bertamiráns participará nunha actividade de formación sobre anti-bulling con defensa persoal. Esta mesma actividade desenvolverase proximamente no IES do Milladoiro.





