- Tematica
Un ano máis, a Concellaría de Deportes está organizando unha nova edición da Gala do Deporte, que se celebrará o vindeiro 21 de febreiro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Novamente, a veciñanza amesá será a encargada de decidir o/a gañador/a dun dos premios: o/a mellor deportista de Ames durante o ano 2025. Poderán facelo votando a través desta enquisa.
Candidatos/as a mellor deportista de Ames 2025
Nesta ocasión, optan ao galardón cinco deportistas que practican as modalidades deportivas de padle surf, baloncesto, boxeo e fútbol.
Guillermo Carracedo Robelo (padle surf): no ano 2025, acadou os seguintes resultados na modalidade de padle surf: 7º clasificado no Campionato do mundo individual ISA, campión do mundo coa Selección Española no mundial ISA, campión de España e campión Galego 2025.
Blanca Millán Modía (baloncesto): é unha xogadora de baloncesto de 1,85 de estatura, xoga na posición de escolta no equipo Baxi Ferrol da Liga Femenina de baloncesto (LF ENDESA), máxima categoría do baloncesto feminino español. Na tempada 2024-2025, xogou 29 partidos, cunha media de case 7 puntos por partido, 4 rebotes e 1,5 asistencias. Tamén disputou a EuroCup Women, xogando 15 partidos, cunha media de case 10 puntos por partido, 4 rebotes e 2,5 asistencias, e na que o seu equipo se proclamou subcampión do torneo.
Verónica Fernández Pérez (boxeo): boxeadora elite amateur da categoría de 75 a 81 kg. No 2025 volveu a coroarse campioa de España Elite Feminina (Segovia), revalidando o título do 2024. Con este éxito logrou coroarse raíña do boxeo feminino nos seus dous primeiros, e consecutivos, Campionatos de España.
Hugo Novoa Ramos (fútbol): futbolista de 23 anos que xogou na tempada 2024-2025 no Deportivo Alavés da Primeira División de España. Nesa tempada 24-25, disputou 5 partidos de liga co seu equipo na Primeira División, categoría máis alta do fútbol español. Pódese destacar a súa participación no partido do 2 de febreiro de 2025, contra o FC Barcelona na xornada de liga, onde o seu equipo perdeu 1-0. Actualmente está en condición de cedido no C.D. Mirandés co obxectivo de ter máis minutos competindo na Segunda División. Con este equipo xa leva disputados 16 partidos do que vai de tempada.
Nuria Rábano Blanco (fútbol): futbolista profesional que xoga como lateral esquerdo no Utah Royals da NWSL (máxima división de fútbol profesional feminino dos Estados Unidos). Na tempada 2024-2025 xogou no VfL Wolfsburgo da Bundesliga (máxima categoría de Alemaña) e na Champions League.
O prazo para votar polo/a mellor deportista estará aberto ata o mércores, 18 de febreiro. O premio do público será entregado na propia gala, como en edicións anteriores, xunto cos demais galardóns.





