Solapas principales

Último día para inscribirse na actividade “Arrolar e bailar”, do programa Apego

Jueves, 9 abril, 2026
O programa Apego continúa coa súa programación de actividades do primeiro semestre de 2026. Nesta ocasión, organízase para este venres, 10 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, o obradoiro “Arrolar e bailar”, impartido pola Fundación Legar. O prazo de inscrición está aberto ata este xoves 9 de abril. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Apego segue a organizar diferentes propostas lúdicas para as crianzas nestes primeiros meses do ano. Desta volta, vaise organizar a actividade “Arrolar e bailar”, impartida pola Fundación Legar. Unha sesión para reforzar os vínculos afectivos entre as crianzas máis pequenas e as persoas adultas a través do canto. Será este venres 10 de abril, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

As familias aprenderán, neste obradoiro, a usar os arrolos e as cantigas de berce como instrumento de relaxación e gozar en familia con algúns bailes de roda. A actividade é de balde e está dirixida a familias con crianzas ata os 4 anos de idade. Para poder participar é necesario enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas participantes, idade dos nenos e nenas e teléfono de contacto. O prazo de inscrición remata este xoves 9 de abril.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Multimedia