- Tematica
Desde o Concello de Ames queremos manifestar a nosa profunda preocupación e rexeitamento polos actos vandálicos que deixaron fóra de servizo o transporte adaptado municipal.
Este servizo, prestado polo propio Concello de Ames, é para moitas persoas con discapacidade ou mobilidade reducida o seu único medio de transporte, fundamentalmente para acudir a tratamentos médicos e cubrir necesidades básicas do día a día.
Respectando plenamente a folga como un dereito fundamental, lembramos que non pode exercerse por riba doutros dereitos igualmente esenciais, especialmente os das persoas que dependen a diario do transporte adaptado para garantir a súa autonomía e dignidade.
A interrupción deste servizo municipal supón unha grave afectación para persoas especialmente vulnerables, que non dispoñen de alternativas de mobilidade.
Calquera reivindicación que se leve a cabo, por moi lexítima e razoable que sexa, debe facerse sen prexudicar a quen máis precisa dos servizos públicos.







