- Tematica
O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, dentro do programa Apego, organiza a excursión familiar ao ecoparque de Carballolandia, situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. Ademais de gozar deste fermoso espazo natural, a excursión tamén incluirá unha visita ao Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, combinando deste xeito natureza, etnografía e historia.
Neste senso, ao longo da xornada do vindeiro día 24, realizaranse varias actividades ao aire libre que estarán conducidas por Anxo Moure, o Carballo con Botas. As familias e as crianzas poderán gozar de contos na árbore, paseos, xogos populares, xogo libre, bautizo en barca de río... e achegaranse ao mundo das árbores autóctonas, da contorna fluvial e dos seres mitolóxicos galegos, nun espazo natural pensado para o lecer e para a convivencia.
A actividade inclúe servizo de autobús, que terá a súa hora de saída ás 09.30 horas desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns e o seu regreso arredor das 21.00 horas. Así mesmo, o xantar e a merenda serán de campo, polo que cada familia deberá levar a súa propia comida e bebida. Esta actividade é gratuíta mais as persoas adultas que desexen acceder ao museo do Pazo de Arxeriz, deberán aboar a súa propia entrada, que ten un custo de 3 euros por persoa.
O prazo de inscrición para esta actividade está aberto ata o venres día 23 de maio. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas que queiran asistir, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 3 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.