Solapas principales

Quedan prazas libres para os cursos de adultos da aula AMTIC neste primeiro trimestre de ano

Jueves, 15 enero, 2026
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (Aula AmTIC) do Concello de Ames, localizada no Milladoiro, retoma a súa programación neste primeiro trimestre de ano. Desta volta, ofertan catro novos cursos para adultos e catro formacións dirixidas para menores. As persoas interesadas en realizar calquera dos cursos, deben facer a súa inscrición chamando a través do número de teléfono 674 59 48 43, escribindo un correo electrónico a informatica.milladoiro@gmail.com coa correspondente solicitude cuberta e asinada ou de xeito presencial na propia aula AmTIC do Milladoiro.

O vindeiro 9 de xaneiro de 2026 arrancarán as formacións para adultos da aula AMTIC co curso Creación de web con WordPress, que se desenvolverá os venres ata o 30 de xaneiro de 17.30 a 19.30 horas. Durante a formación aprenderase a deseñar páxinas, usar modelos, tipografías, cores e demais elementos para rematar coa publicación da web. 

Paralelamente en xaneiro desenvolverase o curso de Competencias dixitais básicas, de mércores a venres dende o día 14 ata o 30 en horario de 10.00 a 12.00 horas da mañá. Unha formación orientada ao uso básico do ordenador e os seus programas principais: xestión de arquivos, navegación pola rede ou comunicación por diferentes canles.

Xa en febreiro chegará a formación específica sobre correo electrónico, os días 5, 6, 12, 13 e 20 de 10.00 a 12.00 horas da mañá. Os usuarios e usuarias deste curso aprenderán a utilizar o correo electrónico dende cero, coa creación da súa conta e posterior xestión da mesma. 

No mes de marzo, a aula AMTIC ofrece un curso de Internet básico os días 4, 5, 11, 12 e 18, no que se ensinará o funcionamento da rede e como poder navegar con seguridade ao buscar información ou almacenar contidos en liña. O curso tamén inclúe módulos para a comunicación en liña mediante correo electrónico, chats e videoconferencias.

Multimedia